CC.OO. alerta da "descapitalización" do CTAG e pide a "reacción" do seu padroado, no que se inclúe a Xunta

O sindicato CC.OO. lembrou que, en apenas un mes e medio, producíronse 23 despedimentos, 8 deles despedimentos disciplinarios en xullo, "unha situación inédita nos 23 anos de traxectoria do centro".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 03/09/2025 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

O sindicato CC.OO. alertou da "descapitalización" do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, CTAG, e trasladou a súa preocupación pola situación, derivada da perda de persoal cualificado, de proxectos e de recursos. Nun comunicado, a central lembrou que, en apenas un mes e medio, producíronse 23 despedimentos, 8 deles despedimentos disciplinarios en xullo, "unha situación inédita nos 23 anos de traxectoria do centro".

CC.OO. advertiu de que estes despedimentos supoñen "unha perda de capital humano e técnico" que sostén a capacidade de innovación e competitividade do CTAG "nun momento crítico para o sector da automoción". Por outra banda, o sindicato censurou a "falta de implicación" dos membros do padroado do centro, entre os que están a Xunta de Galicia, Stellantis, Zona Franca ou Borgwarner, entre outras entidades. "O padroado permanece inactivo mentres o centro perde recursos e persoal, o que acelera un proceso de descapitalización que pode pór en risco o seu futuro", sinalou o secretario xeral da sección sindical de CC.OO., David Casal.

O sindicato solicitou en dúas ocasións unha reunión urxente coa Consellería de Economía e Industria "sen obter resposta", polo que cualificaron de "incomprensible" a falta de reacción da administración galega, que forma parte do padroado e "debería velar pola estabilidade dunha entidade estratéxica para Galicia". Por outra banda, confirmaron que Inspección de Traballo abriu dilixencias tras a denuncia interposta por CC.OO. por un posible ERE encuberto. Así, a autoridade laboral citou formalmente á empresa para a presentación de documentación sobre os despedimentos, a xornada e os salarios. O sindicato valorou este paso "como unha garantía para comprobar se se están cumprindo as obrigacións legais".

CTAG
CTAG | Fonte: CTAG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta