Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/07/2025 | Actualizada ás 20:22
O Porto de Vigo pechou o primeiro semestre deste ano con novas "marcas históricas", segundo apuntou o seu máximo responsable, Carlos Botana, que celebrou que a terminal olívica movese entre xaneiro e xuño uns 2,6 millóns de toneladas de mercadorías, un 2% máis que no mesmo período de 2024.
Isto supón, segundo dixo, o mellor rexistro da súa historia nun primeiro semestre, destacando especialmente o movemento de mercadorías en colector, que se elevou ata os 1,2 millóns de toneladas, un 12,3% máis que un ano antes.
Botana puxo en valor o incremento "imparable" dos vehículos movidos en Vigo. Durante o primeiro semestre do ano contabilizáronse un total de 348.430 unidades, un +3,6% máis que no mesmo período do ano anterior, e unha cifra nunca antes alcanzada en Bouzas, o que sitúa a Vigo como o primeiro porto do Atlántico e o 6º de Europa en movemento de coches.
Noutra orde de cousas, o consello de administración do Porto celebrado este venres aprobou o Plan de Empresa 2026, destacando no mesmo dous puntos importantes que quedan reflectidos na Análise DAFO: por unha banda, a ameaza das políticas pesqueiras europeas "moi restritivas" que afectan o sector, en especial á pesca de arrastre e, por outro, a oportunidade que supón o acordo de crear un grupo de traballo con Portos do Estado, a Autoridade Portuaria e o resto de administracións, para promover a inclusión do Porto de Vigo na rede básica da Rede Transeuropea de Transportes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.