Por Europa Press / Redacción | VIGO | 22/07/2025 | Actualizada ás 17:49
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou este martes a nova Estratexia Galega contra o Edadismo como un "fito moi relevante" para crear unha sociedade "máis xusta e humana". Así o sinalou durante a súa intervención no acto de presentación desta iniciativa levado a cabo en Vigo, sendo a primeira estratexia elaborada por unha comunidade autónoma contra o problema do edadismo, que desde 2021 está tratado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) cunha base científica para afrontalo.
"Acantoar á xente que está aínda con plenas capacidades e que non quere acantoarse non ten ningún sentido. E a sociedade que faga iso ou que acepte que iso pase estase a pegar un tiro no pé. Alégrome moitísimo de que a Xunta sexa a primeira administración que teña esta estratexia", reivindicou, subliñando que se trata dun plan que pretende o coidado dos maiores.
Rueda mostrou a súa alegría por presentar o que considera "un pacto entre xeracións", destacando que se trata dun compromiso "a longo prazo", xa que comeza este ano e desenvolverase ata 2031. Tal como informou durante o acto a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, a estratexia articúlase en tres grandes eixos: o lexislativo, o educativo e o social.
EIXOS
Así, a idea é impulsar normativas que reduzan a discriminación por razón de idade para conseguir unha sociedade máis inclusiva e igualitaria. No ámbito educativo, prestarase especial atención para acabar con conceptos "erróneos" relacionados co envellecemento, tratando de fomentar a empatía e o respecto e cambiando a mentalidade colectiva. No eixo social, a Xunta pretende levar a cabo intervencións interxeneracionais para reducir prexuízos e estereotipos.
Durante o acto, no que participaron distintos representantes destas tres vertentes da estratexia, Rueda agradeceu precisamente a súa implicación a todas as persoas que fixeron posible a súa creación, coa Cátedra de Idadismo da Universidade de Vigo; a consultora en edadismo, Vania de la Fuente, e outras entidades como o Colexio de Educadores Sociais ou Cáritas, entre outras. "As administracións soas non imos poder facelo. E a xente soa, sen a axuda das administracións, tampouco. Por tanto, unámonos nesta estratexia e poñámola a funcionar", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.