A realidade do furtivismo en Galicia: entre a necesidade, o vicio, a inconsciencia e o desprezo polo ben común

O furtivismo non é só un delito ambiental ou económico: é tamén un síntoma dun sistema que ignora ás mariscadoras, tolera o espolio e pon en risco un oficio sostible que require máis protección e respecto. Nesta época do ano, son moitos os 'furtivos de bañador' que proliferan nas nosas praias.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 22/07/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

No corazón das rías galegas, onde o mar se traballa con suor, planificación e coidado colectivo, hai unha ferida aberta e persistente: o furtivismo. Non é só unha cuestión legal ou policial, senón tamén social, cultural, económica e mesmo moral. A imaxe dun turista que enche un cubo coas mans molladas ou dun home que baixa á praia con bolsas ocultas no bañador pode semellar algo anecdótico. Pero, detrás dese xesto, hai unha rede de causas que van dende a pobreza crónica ata o desprezo máis absoluto polo ben común. Para as mariscadoras, o furtivismo é un ataque directo ao seu modo de vida. Non só porque leven o marisco, senón porque levan tamén a dignidade do seu traballo. Elas sementan, limpan, aradan, vixían... Invisten parte dos seus escasos ingresos en manter as áreas produtivas vivas, mesmo pagando vixilancia. E, con todo ese esforzo, deben presenciar como xente que non o necesita leva ameixas das praias con absoluta impunidade.

Denunciados dous homes por furtivismo na praia de Ríos de Fóra, na ETEA (Vigo). A Policía Local interveulles máis de 3 quilos de ameixas
Denunciados dous homes por furtivismo na praia de Ríos de Fóra, na ETEA (Vigo). A Policía Local interveulles máis de 3 quilos de ameixas | Fonte: POLICÍA LOCAL DE VIGO - Arquivo

Pero non todo é branco ou negro. Gonzalo Rodríguez, profesor de economía na Universidade de Santiago de Compostela (USC), leva anos estudando esta realidade e ofrece unha lectura máis complexa do asunto: "Hai quen furtiva por necesidade, quen pertence a comunidades marxinais onde a pobreza se herda por xeracións e tamén hai quen o fai como modo de vida, coma se fose a súa profesión". Así, explica que o termo furtivismo abrangue moito máis ca o simple roubo. "O furtivismo en si é a recollida de marisco sen licenza ou por enriba da licenza, pero tamén hai unha dimensión cultural e contextual que a literatura académica internacional, cando fala de pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (IUU), non sempre contempla", apunta, convidando a ir un paso máis aló para entender os porques e os comos desta actividade. E realiza unha comparativa con outra actividade para entender a normalización do problema: "A ninguén se lle ocorre entrar nunha mina sen autorización e levar dela lousa, sen embargo, no marisqueo, si entran en zonas de cultivo e rouban os bivalvos".

OS 'FURTIVOS DE BAÑADOR', POR POUCO QUE LLES SEMELLE ESTAR APAÑANDO, PODEN SUPERAR AS MOITAS VECES BAIXAS COTAS QUE TEÑEN AS MARISCADORAS

Na súa análise, Rodríguez distingue diferentes perfís de furtivos: dende drogodependentes que buscan ingresos rápidos en zonas nas que a droga fixo --e segue facendo-- estragos ate profesionais do furto mariño, pasando por desempregados en épocas de crise económica --estes últimos adoitan ser furtivos temporais, deixando a actividade cando a súa situación mellora--. "Ás veces, os mariñeiros falan de furtivar por vicio, e non referíndose a un vicio de adicción, senón a aquelas persoas que teñen medios de vida propios, un soldo, e, aínda así, van furtivar", sinala, asegurando que estes "teñen unha condena moral moito maior dentro das propias comunidades". Hai, segundo o profesor da USC, unha sorte de tolerancia social que se matiza segundo quen o faga. "Se é alguén do pobo, desempregado, pode non gustar ás mariscadoras, pero tolérano; o que non toleran é que veña alguén de fóra, con recursos, e leve o marisco que tanto lles custa manter", exemplifica. Esas variantes e moitas outras, como afirma, "inflúe moito na percepción colectiva do problema".

E non hai que esquecerse dos chamados 'furtivos de bañador': turistas ou visitantes "cun nivel de vergoña bastante baixo", que levan pequenas cantidades de ameixa ou berberecho nos petos cando saen da auga, pensando que é un xesto inofensivo. "Ese xesto, multiplicado por milleiros de persoas, causa un dano tremendo", reflexiona Rodríguez. "Primeiro, porque as cantidades permitidas por mariscador profesional moitas veces son ridículas: ás veces non chegan ao contido dunha lata de ananás; segundo, porque esa xente non ten que cumprir normas, non ten inspeccións, non sofre vedas nin restricións...", explica, asegurando que iso para as mariscadoras "xera unha frustración enorme". Ademais, resalta que o impacto destes furtivos non é só económico: "Hai un dano ambiental moi serio en recoller marisco sen xeito, sen importar o tamaño, sen saber se está en veda". "Iso condiciona a reprodución e, nun intre no que a produción xa está en mínimos, agrava unha crise que afecta a un sector moi debilitado", incide.

Ameixas
Ameixas | Fonte: Dianaccm08 en Wikimedia - Arquivo

A MAIOR EIVA: GRUPOS DE FURTIVOS RECORRENTES QUE ORGANIZARON A VIDA ARREDOR DESTA ACTIVIDADE, SEN NADA AO SEU NOME PARA SER SANCIONADOS

Así as cousas, o profesor da USC insiste en que o custo-beneficio desta actividade é "terrible": para quen o realiza --por riscos de saúde ao consumir produtos contaminados sen sabelo--, para o sector --por posibles paralizacións derivadas de factibles intoxicacións por consumo de marisco recollido ilegalmente e sen trazabilidade que xeran tamén unha alerta social que baixe as vendas de certas especies-- e para a sociedade no seu conxunto. Ademais, subliña que moita xente descoñece o esforzo que implica o marisqueo: sementar crías, limpar algas para que o marisco poida respirar, arar os bancos marisqueiros, manter a seguridade nas diferentes zonas... "O marisqueo é moito máis que saír recoller: é unha actividade que require de coidado continuo e investimento, por iso o desprezo cara o traballo das mariscadoras é tan doloso", advirte Rodríguez.

Sobre a evolución do problema, considera que si houbo avances nos últimos anos: "Estamos mellor ca no pasado e, nesa loita, os medios de comunicación axudan moito a crear conciencia". Tamén resalta que "as normativas funcionaron e, dende 2015, houbo unha redución importante dos furtivos reincidentes, porque a sanción progresiva ten un efecto disuasorio, de maneira que a maior parte dos furtivos furtiva unha vez e non volve furtivar tras ser penalizado". Con todo, Rodríguez asegura que queda aínda un grupo moi daniño de furtivos "recalcitrantes e recorrentes", que organizaron as súas vidas arredor desta actividade ilegal e buscando eludir calquera tipo de responsabilidade: sen propiedades, sen contas bancarias, sen nada ao seu nome sobre o que poder actuar sancionando. "Con eles hai que buscar mecanismos novos, pero non se pode dicir que nada funcione, porque as normas, cando se aplican, si funcionan e permiten mellorar a situación do sector", conclúe.

Bañistas na praia, a 8 de outubro de 2023, en Pontevedra, Galicia
Bañistas na praia, a 8 de outubro de 2023, en Pontevedra, Galicia | Fonte: Elena Fernández - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta