Rueda reivindica "a Galicia do si", unha terra que "aposta polo talento, as oportunidades e a calidade"

O PPdeG celebra o Día de Galicia na Fervenza do Toxa, en Silleda, onde realizaron unha foto de familia e soou o himno galego.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 22/07/2025 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou "a Galicia do si" como unha terra "de futuro" que di 'si' "ao talento, ás oportunidades e á calidade" e que "aposta pola ilusión, o crecemento, a convivencia e a liberdade". O líder dos populares galegos encabezou este martes o acto co que o PPdeG conmemora o Día de Galicia na Fervenza do Toxa, no municipio pontevedrés de Silleda, onde estivo acompañado polo presidente do PP de Pontevedra, Luís López, e da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, entre outros deputados e representantes do partido.

Todos eles realizaron unha pequena camiñada ata o miradoiro da fervenza, onde realizaron unha foto de familia e soou o himno de Galicia. Os populares explicaron nunha nota de prensa que a celebración tivo lugar en Silleda ao ser un concello que, precisamente, leva no seu nome o 'Si' como, engadiron, "símbolo perfecto da Galicia que o PPdeG constrúe".

"FRONTE AO 'NON' SISTEMÁTICO"

Neste sentido, Alfonso Rueda destacou que se trata da Galicia do "traballo ben feito, do compromiso real co rural, do apoio aos emprendedores, da aposta decidida pola sanidade e a educación, e a da igualdade de oportunidades". Neste punto, contrapuxo este modelo co "non sistemático" do "bloqueo permanente e da crítica sen proposta". "E a inmensa maioría dos galegos cando toca escoller entre quen só sabe pór paus ás rodas e quen traballa cada día para impulsar a nosa terra, prefire avanzar", aseverou.

Ademais, o presidente do PPdeG subliñou que esa "Galicia do si" ten futuro porque conta cun proxecto "claro", cun liderado "estable" e cunha forza como o PP "sempre á beira da xente, escoitando e actuando con responsabilidade". Así mesmo, concluíu sinalando que o PPdeG "seguirá sendo o motor deste camiño con humildade, con sentidiño e, sobre todo, con orgullo de ser galegos".

Pola súa banda, o presidente do PP provincial agradeceu á dirección do partido seleccionar Pontevedra para felicitar aquilo que, dixo, úneos: "Galicia, no seu día grande". Nesta liña, reivindicou a Fervenza do Toxa como un dos "moitos tesouros" cos que conta a provincia e "unha das postais máis fermosas e icónicas" de Galicia.

O PPdeG conmemora o Día de Galicia na Fervenza do Toxa, en Silleda
O PPdeG conmemora o Día de Galicia na Fervenza do Toxa, en Silleda | Fonte: PPDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta