Vender unha casa con okupas custa un 41,8% menos

A web inmobiliaria idelaista asegura que as casas ocupadas obrigan aos seus propietarios a baixar os prezos.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 22/06/2016 | Actualizada ás 12:26

Comparte esta noticia

Vender unha casa con 'okupas' obriga ao propietario galego a aplicar un desconto do 41,8% fronte a vivendas similares que están á venda no seu ámbito, segundo un estudio publicado pola web inmobiliaria idealista.

Pancartas na segunda okupación da Sala Yago de Santiago
Pancartas na segunda okupación da Sala Yago de Santiago

Este desconto que ten que aplicar o dono galego é lixeiramente inferior á media estatal, que se sitúa o 42,4%. Ademais, Asturias é a Comunidade onde os propietarios teñen que rebaixar máis (-65,1%) e Navarra onde menos (-28,1%).

O portal inmobiliario achacou este desconto ao feito de non poder dispoñer inmediatamente da vivenda e non poder ensinala ou realizar fotos que mostren o seu estado para poder valorar os posibles danos.

Do mesmo modo, os novos propietarios son os que se teñen que facer cargo do proceso de desafiuzamento e dos posibles custos que puidese supoñer, algo que tamén inflúe de xeito directo na valoración económica do inmoble.

A tipoloxía de vivendas en venda que se atopan ocupadas é a dun piso en zona urbana, cun tamaño medio de 102 metros cadrados e 3 cuartos.

Por comunidades autónomas, Asturias é onde maior é o desconto que aplican os propietarios de vivendas ocupadas (-65,1%), seguida por Euskadi (-53,2%), Baleares (-52,2%) e a Comunitat Valenciana (-50,7%). En Castilla e León o desconto aplicado é do 48,2%, mentres que en Cantabria queda no 46,7%, seguida de Andalucía (-44,7%), La Rioja (-44,4%), Aragón (-42,1%), Canarias (-41,9), Galicia (-41,8%), Castilla La Mancha (-41,3%) e Murcia (-41,2%).

Pola contra, as comunidades onde menos descontos aplican os propietarios ás vivendas ocupadas son Navarra (-28,1%), Madrid (-35,3%), Extremadura (-36,6%) e Cataluña (-39,3%).

Tamaño das vivendas “okupadas”

En canto ao tamaño das vivendas ocupadas, o ranking está liderado por Extremadura, cunha media de 130 metros cadrados, seguida por Castilla La Mancha (129 metros cadrados), Galicia (110 metros cadrados), La Rioja (108 metros cadrados), Cantabria e Castilla León (107 metros cadrados, en ambos os dous casos).

Pola contra, Asturias ten as vivendas máis pequenas, cunha media de 74 metros cadrados, seguida por Navarra (85 metros cadrados) e Murcia (90 metros cadrados).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta