Galicia aproba un proxecto que prohibe a venda de bebidas enerxéticas a menores

A norma prohibirá a venda de vapeadores e bebidas enerxéticas a menores, co obxectivo de entrar en vigor antes de fin de ano.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/07/2025 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta aprobou este luns o proxecto de lei de protección da saúde dos menores e prevención de condutas aditivas, que agora remite ao Parlamento de Galicia para a súa aprobación definitiva, un texto que prohibe a venda de vapeadores e bebidas enerxéticas a menores. Así o avanzou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que destacou que a previsión é que a norma poida ser aprobada pola Cámara para que entre en vigor antes de que finalice o ano.

Entre outras cuestións, esta norma equipara as bebidas enerxéticas co alcol e os vapeadores ao tabaco. Por tanto, ningún destes produtos poderán venderse aos menores de idade en Galicia, que se converterá na primeira comunidade en regular e prohibir a venda e consumo destes produtos entre os menores de idade. Ademais, o texto reforzará a capacidade dos poderes públicos para tomar medidas fronte a fenómenos como o botellón.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, preside a rolda de prensa do Consello. DAVID CABEZÓN @ XUNTA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, preside a rolda de prensa do Consello. DAVID CABEZÓN @ XUNTA | Fonte: Europa Press

AMPLÍA A PROHIBICIÓN DE FUMAR

O proxecto de lei prohibe a venda de cigarros electrónicos a menores e amplía a prohibición de fumar aos accesos dos centros da administración pública, centros educativos e sanitarios, nos que non se permite fumar nun radio de 50 metros. Ademais, para reducir o número de fumadores pasivos, "tampouco estará permitido fumar nas marquesiñas de transporte público nin nas piscinas de uso público", indicou o conselleiro.

RISCOS DAS BEBIDAS ENERXÉTICAS

A Xunta sinala que as bebidas enerxéticas que contén 32 mg ou máis de cafeína por cada 100 ml e outros ingredientes estimulantes equivalen a beber tres cafés, o que se considera excesivo para menores. Así, apunta que, en adolescentes, inxestas superiores a 60 mg poden afectar o soño e, a partir de 160 mg, poden xurdir alteracións psicolóxicas e de comportamentos, ademais de trastornos cardiovasculares.

Por este motivo, Galicia será pioneira a nivel nacional na súa prohibición de venda e consumo por parte de menores, unha medida que tomaron países europeos como Polonia e Letonia. Para contribuír á concienciación social sobre o contido destas bebidas, os establecementos deberán situalas nun espazo separado con respecto aos refrescos, indicou Gómez Caamaño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta