O festival RIR de Allariz chega á súa 8ª edición e recoñece a traxectoria do viñetista Xosé Lois, creador do 'Carrabouxo'

A programación, que se alongará do 30 de agosto ao 6 de setembro, comezará cunha xornada especial dedicada ao 25 aniversario da película "A lingua das bolboretas", dirixida por José Luis Cuerda.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 04/08/2025 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Este xoves 31 de xullo presentouse a 8ª edición do Festival RiR, que se celebrará do 30 de agosto ao 6 de setembro. A que fora escola de Don Gregorio na película 'A lingua das Bolboretas' serviu de escenario parao acto que contou coa participación dos organizadores do festival, Óscar Doviso e José Freiría, da alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, do concelleiro de Cultura, Alberto Conde e do Deputado Provincial César Fernández.

Presentación da 8ª edición do Festival RIR. Foto: Concello de Allariz.
Presentación da 8ª edición do Festival RIR. Foto: Concello de Allariz.

Tamén se fixo un anticipo da programación do festival que ofrece, ademais da proxección das curtas a concurso, espectáculos de teatro, monicreques, música, encontros con artistas, e outras actividades paralelas. Este ano, 36 curtametraxes competirán na sección oficial, consolidando ao RiR como un espazo de referencia para o audiovisual humorístico e comprometido.

Respecto á imaxe gráfica do certame deste ano, obra da deseñadora ourensá Soraya Picouto e no que unha cámara de cine rega flores grises que florecen en cores, a autora revelou que "quixen representar o poder do humor e da cultura para devolvernos a alegría cando todo semella gris".

PREMIO RIR CONTIGO 2025

Este galardón honorífico recaerá este ano no viñetista ourensán Xosé Lois González, creador de "Carrabouxo", e pensouse nel para recoñecer a súa longa traxectoria ligada ao humor gráfico en galego.

DECLARACIÓNS

César Fernández, deputado cultura da Deputación Provincial de Ourense, valorou o traballo a prol da Cultura que se realiza no concello de Allariz, sendo un referente na Provincia e a importancia destas inciativas para achegar a cultura a poboación de toda a provincia.

Na súa intervención, a alcaldesa Cristina Cid expresou o seu agradecemento aos responsables do festival por seguir escollendo Allariz como sede despois de oito edicións, destacando que o evento “non só enriquece a economía local, senón que tamén fomenta e sementa cultura”. Cid salientou tamén o crecemento consciente e sostible do festival, facendo fincapé na súa aposta pola responsabilidade social corporativa e a sustentabilidade

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta