O BNG revisará os seus pactos co PSdeG nas deputacións da Coruña e Pontevedra

"Hai unha grande coalición nauseabunda, conformada por unha banda caciquil no Partido Popular, sumada por un tránsfuga obsesivamente ególatra co concurso do Partido Socialista", di Bieito Lobeira.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 28/06/2016 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

O responsable da área de Organización do BNG, Bieito Lobeira, afirmou este martes que os nacionalistas "revisarán" e farán un "seguimento estrito" dos pactos que manteñen cos socialistas nas Deputacións da Coruña e Pontevedra.

Bieito Lobeira atende aos medios logo de que o BNG abandone a Deputación de Lugo
Bieito Lobeira atende aos medios logo de que o BNG abandone a Deputación de Lugo | Fonte: EP

O dirixente nacionalista desprazouse este martes a Lugo, despois da reunión da Executiva Nacional do BNG deste luns na que se deu por roto o acordo de goberno bipartito no ente provincial, despois de que o PSOE pactase co PP os presupostos da institución, así como co deputado non adscrito, que é o alcalde de Becerreá e que ten aberto un expediente sancionador no PSOE.

Lobeira puxo o acento en que isto obriga os nacionalistas "a revisar a política de pactos co PSOE", porque, advertiu, o BNG considérase "unha forza política seria" que, cando chega a un acordo político, "é para facerlle seguimento e efectivizarlo". "No resto das institucións, nas deputacións da Coruña e de Pontevedra, e outros concellos, o que queremos é que eses acordos se cumpran", advertiu.

Neste sentido, deixou claro que eses pactos se estudarán con "lupa", porque "establecen unha serie de compromisos en canto á funcionalidade destas institucións, de baleirado progresivo de transferencias á Xunta de Galicia, de democratización, de participación, de impedir o uso fraudulento de fondos das deputacións".

"O que imos facer é realizar un seguimento estrito, a punto de cumprirse un ano da nosa presenza nesas institucións para comprobar o nivel de cumprimento, porque isto (por Lugo) é un precedente moi difícil", manifestou.

Lobeira censurou que o PSOE "non desautorizou" esta actuación a nivel galego, polo que, agregou, que non saben se "pretenden ensaiar con este acordo outro tipo de dinámicas políticas noutras institucións, mesmo a nivel de goberno do Estado".

COALICIÓN "NAUSEABUNDA"

Na súa intervención, Lobeira apelou, respecto ao acordo a tres en Lugo, a que "hai unha grande coalición nauseabunda, conformada por unha banda caciquil no Partido Popular, sumada por un tránsfuga obsesivamente ególatra co concurso do Partido Socialista".

"Esta é a grande coalición nauseabunda que, a partir de agora, vai levar os destinos da Deputación Provincial de Lugo. Nós non nacemos para caciquear", resaltou.

Sobre a cuestión concreta dos presupostos, apuntou que se podía realizar por "outras vías", como unha moción de confianza ligada á posibilidade de aprobalos, pero o PSOE "non quixo poñer en marcha" este camiño. "Temos unha decisión consciente e deliberada de preferir un acordo co PP, que lle dar a volta e transformar esta institución da man do BNG", subliñou.

EFECTIVIZAN A RENUNCIA

Pola súa banda, os deputados do BNG na Deputación de Lugo, Antonio Veiga, como vicepresidente provincial, e Xosé Ferreiro, encargado da área de Cultura e Deportes e voceiro, presentaron a súa renuncia a seguir formando parte do goberno bipartito no pleno ordinario que se celebrou este martes, seis meses despois de que subscribisen unha moción de censura contra a popular Elena Candia.

Veiga volveu reafirmarse en que a ruptura do bipartito se produce polo pacto de presupostos entre o PSOE e o PP. "Son os presupostos das prebendas do Partido Popular, con ese apoio do deputado non adscrito. O PP apoiándose nesa conxuntura boicoteou a provincia en todo este tempo. Levamos un tempo de boicot e parálise", afeou.

O exvicepresidente foi máis lonxe ao desvirtuar o pacto cos populares e Martínez, para apoiar as contas provinciais, ao advertir que eles "non" estiveron na "foto das Azores que se producía onte (por este luns) no salón de actos da deputación", onde se rubricaba ese acordo a tres bandas (Campos, Candia e Martínez).

O que continúa como voceiro provincial do BNG, Xosé Ferreiro, se aferrou a que os nacionalistas están "nas institucións para transformalas, transformar o país e transformar o noso ámbito".

"Cando vemos que non se pode facer, cando vemos que non nos deixan, non imos a estar a ocupar unha cadeira e pisar moqueta por seguir figurando. O noso traballo político é un traballo comprometido, apegado ao país", expresou.

DEIXAR OS DESPACHOS ABERTOS

Ferreiro subliñou que "esta noite deixaron as portas abertas dos despachos, quedaron os papeis enriba da mesa e os ordenadores acendidos". "O que non imos facer é formatar os ordenadores, pisalos, como fixo Elena Candia cando tivo que marchar e pasaron todo o día carretando papeis", manifestou.

A ruptura xa se visualizou á hora de sentar nos bancos provinciais, desprazándose dende a mesa presidencial Antonio Veiga aos escanos asignados aos nacionalistas.

OS CAMBIOS AO LONGO DA SEMANA

Unha ruptura que dixo descoñecer o presidente, o socialista Darío Campos, confesando que aínda "non" tiña pensado como afrontar a reestruturación do goberno. Fontes do seu ámbito apuntaron que ao longo da semana se coñecerán eses cambios, dun goberno que queda con dez deputados (PSOE), fronte aos 12 do PP, dous do BNG, máis un deputado non adscrito.

Campos recoñeceu que "non" contaba coa renuncia, apelando a que intentou o consenso "con todos os grupos" para a aprobación dos presupostos provinciais.

Pola súa banda, a voceiro do PP Elena Candia, admitiu que o seu respaldo ás contas, é "das decisións" nas que se considerou "máis útiles á sociedade". "A partir de aí pataletas ou descualificativos varios creo que hoxe máis que nunca non vou intentar darlles máis protagonismo", resolveu.

VOLVER AO GRUPO

Esta quebra do goberno bipartito podería abrir as portas a Martínez para que regrese ao grupo provincial socialista do que foi expulsado por aprobar iniciativas auspiciadas polos populares e así recoñecíao antes do pleno.

"Manuel Martínez sempre estivo aberto a retomar a súa posición no grupo socialista", dixo, antes de avanzar que ao longo da semana dará a coñecer un "novo recurso", no que volve reivindicar que "non hai motivo ningún para que Manuel Martínez estea fóra do grupo provincial, nin do Partido Socialista".

Recoñece que se abren novas "incógnitas" sobre o goberno da deputación de Lugo, deslizando que "segue aberto a que se cumpran todos os compromisos que se alcanzaron" con el, e agora "sen a intransixencia do Bloque Nacionalista Galego e a chantaxe á que eles viñan sometendo ao partido socialista na deputación dende o 24 de xuño".

"Hai marxe para o acordo, para que a normalidade volva ao grupo provincial e ao partido socialista na nosa provincia", sostivo.

Ferreiro advertiu de que "ata o final do mandato vai ser difícil reconducir esta situación", co que suxeriu que é moi improbable que regresen de novo ao goberno provincial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Galegus

Lobeira DIMISIÓN.

1 Trololó

Dí que sí. A culpa da gran coalición é da U!!!! #cansinos

1 anonimo

Somos muchas las personas que exigimos una auditoria de las elecciones del 26J. Por favor vean en youtube el video con el titulo siguiente: "¿Ha habido Fraude Electoral en las Elecciones del 26-J?"

1 Apoderado Veterano

Sodes moitas persoas as que vos fiades dunha conta do misterio antes de informarvos convenientemente. É imposíbel un pucheirazo comactual sistema. Só hai que vir estudiado da casa. É o que teñen os que veñen agora a descubrir a democracia.