A Eurocámara condena a "catástrofe humanitaria" en Gaza, pero evita tachala de "xenocidio"

A resolución sae adiante cos votos de PP, PSOE, liberais, unha maioría de verdes e esquerda e o non de Vox e Podemos; o BNG abstívose.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 11/09/2025 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

O pleno do Parlamento Europeo adoptou este xoves unha resolución na que condena a "catástrofe humanitaria" na Franxa de Gaza, aínda que evitou tachala de "xenocidio", como reclamaban os eurodeputados das bancadas progresistas do hemiciclo. A resolución responsabiliza directamente a Israel de "bloquear" a entrega de axuda humanitaria e apoia a proposta da Comisión Europea de suspender parcialmente o acordo de asociación comercial con Israel, que tamén require do apoio dos Vinte e sete.

Aínda que non define a situación como un "xenocidio" e, de feito, non saíron adiante emendas que pedían expresamente que se denunciase como tal, a resolución si recolle que a ONU recoñece que a ofensiva israelí en Gaza "é consistente coas características dun xenocidio". O texto final, aprobado por 305 votos a favor, 151 en contra e 122 abstencións, saíu adiante co apoio de PP e PSOE, dos liberais (PNV) e dunha maioría dos verdes e da esquerda e pese ao 'non' de Vox e de Podemos e a abstención de Sumar, Compromís, BNG e Bildu.

A Eurocámara esixiu tamén un "cesamento do fogo inmediato", a entrega de axuda humanitaria e a liberación de todos os reféns israelís retidos por Hamás e defendeu a solución de dous Estados para garantir unha paz duradeira na rexión. Doutra banda, os eurodeputados instaron á Comisión Europea e aos Estados membro a suspender o alicerce comercial do acordo de asociación entre a UE e Israel e a bloquear todas as transferencias de armas a Israel. De igual modo, apoiaron plenamente as sancións europeas contra os colonos e activistas israelís violentos en Cisxordania e Xerusalén Oriental ocupados e pediron penalizar tamén aos ministros israelís Bezalel Smotrich e Itamar Ben Gvir.

Así mesmo, o pleno solicitou que se restableza na súa totalidade o mandato e o financiamento da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA) e expresou o seu firme apoio ao Tribunal Penal Internacional (TPI) e as súas ordes de arresto contra o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, e o seu exministro de Defensa Yoav Gallant por supostos crimes de guerra. Os eurodeputados condenaron tamén "os bárbaros crimes perpetrados por Hamás contra Israel" e pediron sancións concretas contra a organización terrorista.

Decenas de eurodeputados visten de vermello en solidariedade coas vítimas da ofensiva israelí contra Gaza durante o debate sobre o Estado da Unión no pleno do Parlamento Europeo de setembro de 2025
Decenas de eurodeputados visten de vermello en solidariedade coas vítimas da ofensiva israelí contra Gaza durante o debate sobre o Estado da Unión no pleno do Parlamento Europeo de setembro de 2025 | Fonte: PHILIPPE BUISSIN - EUROPEAN PARLIAMENT

Ao mesmo tempo, insisten no seu compromiso coa seguridade de Israel e o seu "dereito intransferible de invocar a lexítima defensa" respectando plenamente o Dereito internacional, xa que Israel segue sendo un socio estratéxico da UE na loita contra o terrorismo rexional. Non entanto, a resolución fai fincapé en que o dereito de Israel a defenderse non pode xustificar unha acción militar indiscriminada en Gaza e expresa preocupación polas continuas operacións militares na Franxa, que provocaron un "sufrimento insoportable" para a poboación civil, á vez que denuncia o uso por parte de Hamás da poboación como escudo humano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta