Merlo ou merla

Tralos negativos resultados acadados por En Marea nas pasadas eleccións xerais, a busca do candidato/a á presidencia da Xunta semella ser un obxectivo por fin urxente.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 30/06/2016

Comparte esta noticia

Fixádevos que eu, antes do candidato/a, boto en falta unha dirección cohesionada. Non sei, un órgano deses tradicionais que se encargan de fixar o rumbo e tomar as decisións esenciais. Digo unha dirección propia, xaora, quero dicir allea a Podemos. Aínda así, concordo cos que solicitan a apertura dun proceso para a elección do candidato ou candidata, esa sorte de merlo branco –ou merla branca– que reúna as condicións desexadas para tornarse no vindeiro presidente da Xunta de Galicia.

Cales haberían ser esas condicións? Atrévome a suxerir as que me parecen esixibles. A primeira é de caixón: unha traxectoria sen tacha. Como consecuencia, unha mochila non demasiado pesada ao tempo ca unha experiencia suficiente en postos de responsabilidade. Empezan as dificultades, o equilibrio complexo. Pediría tamén capacidade de análise, carácter executivo, vontade negociadora, dotes de comunicación. E carisma, of course, no cal sustentar o cartel electoral.

Home ou muller tanto me daría, pero de preferir, eu preferiría unha muller. Non por excentricidade, ou tamén, pero principalmente polo talante sereno e favorable que adoitan transmitir as candidatas por riba dos histrionismos demasiado habituais nos candidatos. Desculpen a xeneralización, sempre inxusta coas excepcións, que as hai, faltaría máis.

Desbotando a Xosé Manuel Beiras, polo peso da mochila entre outros factores, pescudamos nos partidos: Martiño Noriega, o candidato evidente, gañador de eleccións, preparación, experiencia, carisma; Yolanda Díaz, ou Iolanda?,  calidades contrastadas para alguén discutida mesmo na súa organización, moi cativa en Galicia ademais; e Carmen Santos, ou Carme?, a quen o desafío chega demasiado cedo, aínda non.

Tiramos para os concellos e Martiño repite, o alcalde que se manifesta comprometido coa súa cidade para toda a lexislatura; Xulio Ferreiro non afirma tal pero seica esa estúpida dicotomía norte – sur termine por representar un estigma insuperable; Jorge Suárez, ou Xurxo?, o alcalde de Ferrol, non parece nas mellores condicións despois do primeiro ano de mandato.

Caberían candidatos independentes, mesmo algunha sorpresa do sector cultural. Eu repaso e convénzome de que as mellores candidatas serían Ana Pontón e Carme Adán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego