Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2025 | Actualizada ás 13:16
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo a "ocultación" de datos por parte da Xunta da vaga de incendios que afectou a Galicia durante este verán. Ademais, alerta de mala xestión de fondos europeos. Nun comunicado, o Bloque apunta que a Xunta "só recoñeceu 90.000 hectáreas queimadas" en Galicia no verán, cando o sistema satelital Copernicus "cifrou a superficie queimada total en 158.000 hectáreas".
Miranda censura a "ineficacia" do Goberno galego para combater os incendios e advirte de que a cidadanía "só coñece os datos reais a través de Copernicus". Así mesmo, a eurodeputada fixo referencia á información publicada este xoves por Praza Pública na que revela que entre o 1 e o 18 de agosto a Xunta "ocultou 447 incendios" dos 492 totais que houbo en Galicia, xa que o Goberno galego só informou de 45.
O BNG tacha de "verdadeira desgraza" falta de medios "suficientes" antincendios en Galicia, cunha "deficiente execución" dos fondos destinados a prevención. Por iso, insta á Comisión Europea a controlar e supervisar fondos, pois o Tribunal de Contas europeo "criticou a mala xestión dos fondos europeos en Galicia para a prevención de incendios ao deixar fondos sen gastar e non planificar adecuadamente a prevención a pesar de contar con recursos da UE".
BRUXELAS AVISA DE QUE GALICIA "NON FIXOU OBXECTIVOS DE CONSERVACIÓN"
Pola súa banda, a Comisión Europea avisou de que Galicia "non fixou obxectivos de conservación e medidas de conservación suficientemente específicas para cada lugar nas súas zonas especiais de conservación (ZEC), incluídas as afectadas por incendios". Así o sinala o organismo comunitario nunha resposta --á que tivo acceso Europa Press-- formulada ao eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, para quen a Comisión "realiza unha emenda á totalidade" da política ambiental da Xunta.
A resposta, asinada pola comisaria de Medio Ambiente, Jessika Roswall, dá seguimento á batería de preguntas presentadas polo eurodeputado socialista tras a vaga de incendios que afectou a Galicia e pasado mes de agosto. Respecto diso, nun comunicado, González Casares sinalou que, na mesma, a Comisión incide en que está a tramitar un procedemento de infracción desde o ano 2015 "que ten no seu centro o incumprimento sistemático por parte da Xunta das obrigacións legais que emanan das directivas comunitarias e ás que o Plan director da Rede Natura aprobado polo PP non dá respostas".
"Fronte á propaganda da Xunta, feitos: a política ambiental da Xunta do PP falla á hora de conservar as xoias naturais de Galicia, desprotexendo o noso patrimonio e faino de forma sistemática", censurou Casares. O eurodeputado galego sostivo que, "unha vez máis", a Comsión Europea "píntalle a cara" ao Goberno de Rueda, como "durante a vaga de incendios", cando "fronte á ocultación" da superficie queimada en moitas zonas de altísimo valor ecolóxico, como Pena Trevinca, "tivo que ser información das institucións comunitarias a que arroxou luz sobre o que estaba a suceder nos montes de Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.