Galicia contará cun Observatorio do Xogo para previr as adiccións

A Xunta investirá 22.000 euros nun programa piloto para fomentar o uso "responsable" das tecnoloxías entre menores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2025 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

Galicia contará cun Observatorio Galego do Xogo, organismo que avaliará, estudará e fará un seguimento para garantir un modelo de xogo "seguro e responsable". Así o trasladou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, este luns en rolda de prensa tras o Consello da Xunta, que presidiu ante a ausencia do presidente Alfonso Rueda, que pasará esta semana uns días de descanso. A creación deste organismo está recollida na Lei reguladora dos xogos de Galicia de 2023 coa que, tal e como resaltou Calvo, "Galicia situouse á vangarda de España" á hora de lexislar este sector cunha lei que agora "serve de modelo a outras comunidades que están a actualizar" a súa normativa.

Neste contexto, explicou o titular de Presidencia, o Observatorio ofrecerá datos "obxectivos e contrastables sobre o xogo para adaptar as políticas públicas ás necesidades sociais". As súas principais funcións serán, ademais de realizar propostas e recomendacións acerca de normas e políticas públicas, promover campañas de sensibilización e prevención de xogo responsable e seguro, así como en materia de igualdade de xénero neste ámbito.

Tamén, poderá promover a produción de material documental de interese sobre as materias propias das súas funcións e facer un seguimento da normativa de xogo en materia de publicidade, así como fomentar o coñecemento e o intercambio de información con outras institucións a nivel nacional e internacional relacionadas co sector do xogo.

Para cometer as súas funcións, ampliou o conselleiro, o organismo contará cun pleno composto por unha presidencia e varias vocalías nas que, respectando o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes, estarán representadas as consellerías con competencias en materia de seguridade e coordinación, sanidade, mocidade, educación, deportes e facenda, así como un representante de cada unha das universidades galegas, do sector do xogo, e das asociacións de loita contra as adiccións e das asociacións de nais e pais.

USO "RESPONSABLE" DAS PANTALLAS

Entre outros asuntos abordados na súa comparecencia, Calvo informou de que se autorizou a firma dun convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a de Sanidade e a Fundación galega contra o Narcotráfico, para a realización do programa 'Adestrar sen pantallas, gañar en saúde', unha iniciativa dotada de 22.000 euros para educar no uso "responsable" das tecnoloxías entre menores.

Segundo desenvolveu, a través desta colaboración apoiarase aos adestradores e monitores deportivos con formación e materiais específicos, ademais de "previr adiccións emerxentes" como o uso compulsivo de Internet, as redes sociais ou os videoxogos, e tamén "se potenciarán habilidades sociais, emocionais e físicas por medio do deporte". Así, esta iniciativa desenvolverase como proxecto piloto en catro concellos: A Estrada, Vilagarcía de Arousa, Cambados e Ribeira, e terá un ano de duración.

Desta maneira, traballarase no ámbito de tres deportes, o fútbol, o baloncesto e a ximnasia, que poderán variar en función dos máis practicados en cada localidade, "sempre tendo como referente o enfoque de xénero". A Xunta estima que os beneficiarios directos desta medida serán ao redor de 500 mozos de 12-13 anos que practican estes deportes, elevándose o número de beneficiarios indirectos a preto de 3.000, contando cos familiares e adestradores.

Xogo online
Xogo online | Fonte: Commons - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta