Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2016 | Actualizada ás 16:08
No BNG xa pensan en clave de autonómicas. Tras un novo fracaso electoral que deixa aos nacionalistas ao bordo de desaparecer do escenario parlamentario galego e a converterse nun partido residual, a súa voceira nacional, Ana Pontón tenta reconducir a situación para revitalizar o partido. Así, asegurou hoxe que o Bloque se marca como obxectivo para as próximas eleccións autonómicas "mobilizar" aos galegos que se abstiveron o pasado 26 de xuño e conseguir o seu voto para ser unha "alternativa" á política "antigalega" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Tras a reunión do Consello Nacional na que se analizaron os resultados electorais do pasado 26 de xuño, Pontón explicou que a militancia debaterá para "analizar a campaña e a situación" actual, así como as liñas a adoptar nos próximos comicios, o proceso de preparación dos cales tamén foi abordado no conselo este sábado.
A voceira nacionalista avanzou que "esta mesma semana" o Bloque porá en marcha unha comisión que se reunirá para definir os "novos pasos" a dar pola formación de cara ás eleccións galegas.
ELABORACIÓN DE "ALTERNATIVAS"
Pontón asegurou que a primeira cuestión que se abordará no BNG será a elaboración das súas "alternativas programáticas" mediante unha comisión conformada por militantes e outros cidadáns. Deste modo, buscarase "afondar" nas alternativas que "necesita Galicia" porque, na súa opinión, para ser unha "alternativa solvente fronte ao PP" necesítase un "proxecto alternativo". Así, destacou a experiencia do BNG, que presentará unha "proposta renovada" nos próximos comicios autonómicos.
Ademais, insistiu en que o Bloque "ten a man tendida" a "tódolos nacionalistas" para traballar nunha candidatura que permita que a formación frentista sexa a "peza clave" na "derrota de PP" e na posta en marcha dunha "alternativa política diferente".
Ao respecto, tras analizar os resultados dos pasados comicios e o que a súa organización "puido non facer ben", sinalou que o BNG "ten claro" que debe traballar "dende xa" para "desaloxar" a Feijóo de la Xunta e, deste modo, eliminar os "seus recortes", "a súa política antisocial" e "antigalega".
CRÍTICAS
Nesta liña, considerou que o Bloque achega os cambios "necesarios" que precisa unha Galicia en situación de "emerxencia social" polas políticas do PP. E é que, segundo indicou, Feijóo deixou un país cos sectores produtivos "máis tocados", con "máis paro", con "máis emigración" e con "salarios máis baixos".
No seu discurso, Ana Pontón tamén asegurou que os pasados comicios evidenciaron que as estratexias do PSOE e Podemos "fortaleceron á dereita en Madrid" e incidiu en que ten "claro" que o "antídoto fronte ao PP" é o BNG.
AUTONÓMICAS E MANIFESTACIÓN O 25X
Respecto á data das eleccións autonómicas, Pontón asegurou que, dado que na súa opinión Feijóo "non ten nada que lle ofrecer a Galicia", as convocará "cando crea que lle van beneficiar máis ao PP". Por iso, asegura que o Bloque debe estar preparado "para afrontar calquera situación" en "calquera momento" e "calquera eventualidade".
Por outra banda, indicou que no consello se tratou a convocatoria para o día 25 de xullo dunha manifestación reivindicativa do "orgullo" de ser "galegos e nacionalistas", para mostrar á cidadanía que Galicia "necesita" "alternativas políticas propias".
Ao respecto, indicou que deste modo se reivindicarán os dereitos dos galegos a ter "emprego digno", un "futuro na terra" e unha sanidade e uns servizos públicos "de calidade".
Finalmente, preguntada pola viaxe do dirixente de Anova, Xosé Manuel Beiras, a Madrid, para reunirse co secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, e o seu homólogo de Esquerda Unida (IU), Alberto Garzón, Ana Pontón rexeitou pronunciarse, xa que "non é comentarista das viaxes de ninguén".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.