Ciencia galega para mellorar a calidade da cervexa

Investigadores do Campus Terra, da Universidade de Santiago, impulsan un proxecto europeo para optimizar o cultivo e a calidade do lúpulo.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 06/07/2016 | Actualizada ás 15:40

Comparte esta noticia

Javier José Cancela e Xesús Pablo González —profesores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior do Campus Terra, da Universidade de Santiago de Compostela (USC)— lideran un consorcio internacional integrado por oito socios de Portugal, Francia, Reino Unido, Alemaña, Croacia, Eslovenia e Chequia que foi seleccionado entre os catro finalistas dun programa europeo de I+D+i no eido da seguridade e sustentabilidade alimentaria ao que se presentaron un total de 39 candidaturas.  A proposta liderada polos dous investigadores do Grupo de Proxectos e Planificación (Proepla) da USC e integrantes da Rede Igsea, e na que tamén están implicados os principais lobbies e centros de investigación europeos no ámbito do lúpulo e da cervexa, pretende acometer un estudo e análise integral de todos os parámetros que inciden no cultivo do lúpulo e que tamén afectan ás características organolépticas da cervexa, como produto resultante.

Cervexa
Cervexa | Fonte: Pixabay.

As distintas accións contempladas no marco do proxecto de I+D+i ‘Wethop’, tal e como se denomina a candidatura presentada pola USC xunto cos demais socios europeos á última convocatoria de achegas SFS, incluída na estratexia H2020, desenvolveríanse entre 2016 e 2020, e inclúen accións moi diversas que abranguen desde a monitorización de cultivos de lúpulo, análises das características organolépticas, ata a modelización dos impactos de diferentes prácticas de rega e abonado, tanto na produción como na calidade do produto final derivado do lúpulo.

Esta última liña de traballo sería a que desenvolverían os investigadores do Grupo Proepla da USC, cuxas actuación abranguerían desde estas análises de campo ata a elaboración final da cervexa e a posterior celebracións de catas orientadas a coñecer a valoración dos consumidores.

Á espera de coñecer a resolución desta convocatoria europea de proxectos de I+Di, cuxos resultados se agarda sexan públicos para outono, estes investigadores do Campus Terra da USC confían en que a proposta de investigación que lideran e coordinan xunto cos demais socios implicados resulte seleccionada para o seu financiamento con cargo este programa europeo. A contía das achegas podería superar os seis millóns de euros.

O proxecto ‘Wethop’, cuxo resultado sería o desenvolvemento dunha ferramenta informática acaída para optimizar o cultivo, a produción e a calidade do lúpulo, acadou  a segunda maior puntuación das 39 candidaturas presentadas na primeira fase de valoración de propostas, un proceso que solo superaron catro dos proxectos presentados indicaron Cancela e González.

Estes dous investigadores da USC, que esta semana están a visitar os distintos socios europeos implicados no proxecto en aras a mellorar a súa presentación na última fase de concurso, confían en que o proxecto liderado pola USC figure finalmente entre as dúas propostas financiadas con cargo a esta convocatoria europea.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta