Por Galicia Confidencial | Galicia | 03/04/2009
Na nosa opinión, dous fenómenos históricos de carácter bélico explican ese troco: as guerras de Marrocos e a guerra civil. Como me comenta Leonardo González, na primeira publicación periódica en galego, O vello do Pico Sacro (1860) xa se equiparan os mouros das lendas da montaña sagrada cos moros de Marrocos que loitaban daquela contra o Exército isabelino de ODonnell, Prim e demáis próceres da Patria. Esta asociación non fai máis que confirmarse para moitos galegos mobilizados na década de 1920 a Marrocos. Mentres Rafael Dieste, Otero Espasandín ou Brea Segade escriben unha folla volandeira en galego en plena campaña bélica, outros labregos constatan que as trincheiras e parapetos que inzan o conflicto son as mesmas estruturas que definen os castros de país: o castro era a defensa que tiñan os moros como decote se escoita dicir aos paisanos. Esta paulatina relación entre os mouros galegos e os moros marroquinos vai ser recolleita de cheo polo realismo máxico dun home namorado dos tesouros, Alvaro Cunqueiro, e incorporada tamén polo mellor Cela nas súas novelas de ambientación galaica.
Este pequeno troco na percepción (esta ecuación mouros = moros definida non polas matemáticas senón pola da Historia das mentalidades) axigántase coa chegada dos moros a Galicia para participaren na conquista da fronte N na guerra civil. O arqueólogo David González vén de reivindicar unha etnoarqueoloxía da paisanaxe tradicional como fonte de información para a Arqueoloxía en Asturias; no seu estudo recolle unha foto histórica de veciños do pobo de Salas pousando con moros dos corpos de Regulares do Exército golpista en 1936. A convivencia con estas unidades militares de moitos galegos e asturianos durante a guerra civil non vai deixar lugar a ningunha dúbida sobre o seu carácter guerreiro, indómito e belicista. Increméntase así a dicotomía entre a raza dos mouros/moros e os labregos no discurso histórico esencialista do campesiñado galego. Iso si que é un feito diferencial.
Hai poucos anos un compañeiro meu procuraba xacementos arqueolóxicos nunha aldea perdida da montaña luguesa, preguntando por sitios onde houbese mouros. Unha vella encantada ou encantadora contestoulle mentres fiaba na roca: ¡Ai filliño, os mouros sómosche nós!
Nós-outros.
Xurxo Ayán é arqueólogo e investigador do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC).http://neixon.blogspot.com/