Investigadores galegos descobren un mecanismo cerebral que abre a porta a curar o fígado graxo

Un equipo encabezado polo profesor Rubén Nogueiras, da Universidade de Santiago, evita que ratos desenvolvan esteatohepatite, asociada a enfermidades como a obesidade, a diabete 2 ou o alcolismo.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 12/07/2016 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

Un equipo encabezado polo profesor Rubén Nogueiras acaba de descubrir en ratos un mecanismo no cerebro que axudará a curar a esteatohepatite, unha doenza inducida pola acumulación de graxa no fígado e acompañada de proceso inflamatorio, informa a Universidade de Santiago (USC). O investigador explica que a esteatohepatite, comunmente coñecida como enfermidade do fígado graxo, está moi asociada a enfermidades como a obesidade, a diabete 2 ou o alcolismo. “É unha enfermidade progresiva que pode acabar desencadeando un cancro de fígado e para a que aínda non hai tratamento”, explica o investigador do Departamento de Fisioloxía da USC e integrante do grupo de Metabolismo Molecular da USC adscrito ao CIBER de Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CIBERobn). 

Rubén Nogueiras, xunto con Mónica Imbernón e Estrella Sánchez (dereita)
Rubén Nogueiras, xunto con Mónica Imbernón e Estrella Sánchez (dereita) | Fonte: USC.

O equipo de Rubén Nogueiras descubriu unha nova vía pola que o cerebro pode regular o metabolismo no fígado a través do nervio vago

O equipo revelou como o bloqueo dalgunhas substancias opioides en zonas específicas do cerebro evita que os ratos desenvolvan esteatohepatite. Sobre esta relación, Rubén Nogueiras aclara que “o sistema opioide é amplamente coñecido por modular o sistema de recompensa do cerebro”, o que explica a súa incidencia no comportamento humano e animal, tamén no relativo á alimentación. De aí que o equipo formulara como hipótese de traballo o feito de que “o sistema opioide no hipotálamo (unha área do cerebro moi importante para a regulación do peso e a inxesta de comida) tamén podería controlar o metabolismo de enerxía nos tecidos periféricos”.

Se ben os opioides, como o caso da morfina, son substancias que clasicamente se utilizan para calmar a dor, o traballo dos investigadores da USC mostra por vez primeira que a inhibición xenética e farmacolóxica dun dos tres receptores que median no cerebro as accións dos opioides –o coñecido como receptor kappa– “produce unha mellora tanto na inflamación como na acumulación de lípidos no fígado”. En xeral, o equipo de Rubén Nogueiras descubriu unha nova vía pola que o cerebro pode regular o metabolismo no fígado a través do nervio vago, nervio que une ambos tecidos a través da inflamación e o estrés ER con independencia dos cambios na inxesta de alimentos ou o peso corporal. 

Os resultados “poderían supor unha nova ventá no desenvolvemento de novos fármacos para curar a esteatohepatite”. 

Os achados do equipo compostelán cobran maior relevancia se se ten en conta que recentemente a Axencia Estadounidense de Regulación de Medicamentos e Alimentos aprobou o uso dun fármaco que mediante o bloqueo dos tres receptores do sistema opioide é capaz de reducir o peso en pacientes obesos. Como explica o doutor Nogueiras, aínda que o novo estudo se desenvolveu integramente con modelos animais, os resultados “poderían supor unha nova ventá no desenvolvemento de novos fármacos para curar a esteatohepatite”. 

Destes resultados de investigación acaba de facerse eco  a revista de alcance mundial Hepatology, nun artigo que ten como primeiras asinantes as investigadoras da USC Mónica Imbernón e Estrella Sánchez-Rebordelo, e no que tamén participaron Amparo Romero-Picó, Begoña Porteiro, Omar Al-Massadi, Cristina Contreras, Ana Senra, Cintia Folgueira, Carlos Diéguez e Miguel López, ademais doutros investigadores do CHUS e CIBERobn así como de centros de Hungría, Estados Unidos, Noruega e Holanda. 

OBESIDADE

O novo achado enmárcase na liña de traballo que Ruben Nogueiras coordina no grupo de Metabolismo Molecular, cuxo reto principal está dirixido a descifrar as complexas e múltiples vías moleculares que causan a obesidade e a diabete tipo 2 e que ten acadado constantes achados e recoñecementos nos últimos anos. 

En 2010, Rubén Nogueiras resultou premiado por un estudo orientado ao tratamento da obesidade coa administración da hormona GLP-1. Ao ano seguinte, o European Research Council (ERC) outorgáballe unha axuda Starting Grant para estudar a función do xene p53 na regulación do apetito, do peso corporal e os niveis de glicosa en sangue. Xa en 2012 xunto a outros investigadores demostraron por vez primeira que a perda do receptor opioide delta (presente en todos os animais e un dos responsables da sensación de dor) provoca efectos beneficiosos no metabolismo como engordar menos. En datas máis recentes, en 2014, o seu equipo de investigación descubriu o mecanismo polo que un fármaco antidiabético diminúe tamén o peso corporal ao activar a graxa parda. 

O recoñecemento do labor investigador de Rubén Nogueiras en 2015 por parte da Fundación Europea para o Estudo da Diabetes ao outorgarlle o premio Rising Star engádese aos doutras sociedades científicas como a Europea de Obesidade (Premio Europeo ao Mozo Investigador en Obesidade 2009), a Sociedade Europea de Endocrinoloxía (Premio ‘Journal of Molecular Endocrinology 2011) ou a Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular, entre outras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta