Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2016 | Actualizada ás 12:23
Alberto Núñez Feijóo pecha a súa segunda lexislatura en clave preelectoral. O presidente da Xunta non perdeu a ocasión de lanzar unha mensaxe aos galegos de cara aos comicios galegos do próximo outono: "Estiven ás duras e, se os galegos queren, quedo ás maduras", dixo.
O presidente da Xunta deu por pechada esta lexislatura na que será, previsiblemente, a súa última sesión de control, xa que a Cámara se disolverá en breve para convocar as autonómicas. E despediuse reivindicando o seu labor, con críticas a unha oposición que "non foi útil" a Galicia, segundo o líder dos conservadores.
"Eu estiven aquí; estiven nas duras e, se os galegos queren, quedo nas maduras", dixo en clave electoral Feijóo, quen recoñeceu que non logrou dar aos galegos "tódalas oportunidades", motivo polo cal recoñeceu que se volve presentar para un terceiro mandato.
Feijóo tamén aproveitou para seguir atacando a oposición, á que pediu que "non" minta aos galegos, e defendeu a súa xestión, coa que, segundo o presidente, hai "menos paro" e "máis servizos sociais", ademais duns sectores —como o naval e a automoción— "máis fortes".
'FEIJÓO EN CAMIÑO'
O presidente galego, inmerso no seu papel de candidato do PPdeG á reelección nunha campaña bautizada como 'Feijóo en camiño', defendeu no Pazo do Hórreo, precisamente, que "Galicia está no bo camiño", ademais de insistir no seu compromiso de "seguir traballando" catro anos máis pola comunidade se recibe o aval dos galegos nas eleccións que situou arredor do 20 de outubro.
Para iso, asegurou que é preciso "traballar con humildade, un mínimo de coñecemento e de principios éticos,", unha afirmación que provocou gargalladas nas filas da oposición. "Comprendo que se rían, non teñen ningunha das tres cousas", afeou Feijóo, quen contrapuxo o seu labor cos conflitos internos da oposición en duras réplicas á voceiro parlamentaria do PSdeG, Patricia Vilán, e ao vicevoceiro de AGE, Antón Sánchez.
Ambos os dous, ao igual que Chelo Martínez, do Grupo Mixto, atacaran con dureza as súas políticas, dende a perspectiva sanitaria, económica, social e demográfica. Sánchez chegou a pedir a palabra xa finalizado o debate para asegurar que "non" se imaxina "nada peor" que Feijóo. "O que abraza a Baltar, o que fixo o que fixo con Marcial Dourado, con Louzán, coa Pokémon... presume de principios éticos e non se pon colorado", lamentou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.