Alemaña busca enxeñeiros en Vigo para prácticas en empresas

A universidade Hochschule für Technik und Wirtschaft des Saarlandes ofrece unha estancia de 11 meses en empresas xermanas, xunto coa asistencia a diversos cursos de idiomas e de habilidades directivas.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 23/07/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Por terceiro ano consecutivo, a universidade alemá Hochschule für Technik und Wirtschaft des Saarlandes volve a Vigo na procura de enxeñeiros e enxeñeiras recentemente egresados. A iniciativa Saarlng proporciona unha estancia de 11 meses en prácticas en empresas do estado xermano do Sarre, xunto coa asistencia a diversos cursos de idiomas e de habilidades directivas. Os perfís que se buscan son diversos, pois son moitos os postos que se precisan cubrir nesa zona industrial, tanto de mecatrónica, deseño de construción, tecnoloxías de automatización, enxeñaría eléctrica, etc, informa a Universidade de Vigo.

Olga Belenda, da Universidade de Vigo, realizando prácticas nunha empresa alemá
Olga Belenda, da Universidade de Vigo, realizando prácticas nunha empresa alemá | Fonte: DUVI.

O programa está aberto á presentación de candidaturas ata finais deste mes de xullo. Os participantes recibirán o título de Technisches Projektmanagement, avaliado polo mesmo centro, xunto coa posibilidade de completar un programa de doutoramento dependendo da empresa. Con respecto ao salario, segundo explica Stefanie Jensen, coordinadora da iniciativa, “o que ofrecemos cubre o nivel de vida aquí, sumado as axudas que prestamos á hora de buscar vivenda e demais temas burocráticos”.

Os requisitos necesarios para optar a esta bolsa son ser un egresado ou egresada recente nunha enxeñaría e que o perfil se adecúe a unha das vacantes ofertadas no programa. Ademais, tamén se valorará positivamente ter un nivel A-2 de alemán xunto cun B-1 en inglés.

A falta de enxeñeirosen Alemaña é moi notable en rexións industriais do sur, como é o caso do Sarre. Jensen asegura que na súa rexión a situación é especialmente complicada, polo que hai tres anos decidiron comezar con este programa. A razón da elección en exclusiva en toda España da Universidade de Vigo é sinxela, “xa que levábamos colaborando conxuntamente durante 10 anos e coñeciamos o seu alto nivel de estudos”, afirma a coordinadora.

En anos anteriores houbo xa sete participantes da Universidade de Vigo nesta iniciativa de captación da institución académica alemá. Dos sete enxeñeiros formados en Vigo, dous decidiron volver a Galicia ao rematar a estadía en Alemaña e grazas a esa experiencia conseguiron atopar un traballo. Outros tres continúan no país xermánico, tanto nas empresas orixinais como en novas, e os restantes decidiron continuar estudando programas de mestrado.

Os que sexan elixidos este ano chegarán a terras teutoas a comezos de setembro, comezando cun curso de seis semanas de alemán, para despois empezar xa coas prácticas empresariais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta