Txemi Urtasun, terceiro reforzo do Obra

O escolta navarro, de 1,92 e 32 anos, con ampla experiencia na ACB, convértese no noveno xogador do Obradoiro para a vindeira campaña, que comezará o vindeiro 15 de agosto.

Por gcdeportes | Compostela | 24/07/2016 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

O Obradoiro continúa dando pasos para configurar o plantel da próxima campaña. Tras a saída de Adam Waczynski, que puxo rumbo a Unicaja tras un culebrón no que os axentes do xogador compensaron economicamente ao club galego ante a posibilidade de que este igualase a oferta do conxunto malagueño, chega a Compostela Txemi Urtasun, procedente do Retabet Gipuzkoa. Trátase do terceiro reforzo tras Nacho Llovet e Mickey McConnell.

Txemi Urtasun, nova fichaxe obradoirista.
Txemi Urtasun, nova fichaxe obradoirista. | Fonte: acb.com

Urtasun, escolta de 1.92 metros e 32 anos, conta cunha dilatada experiencia ás súas costas. Pasou por Herbalife Gran Canaria (2014/15), Unicaja (2012-14), Cajasol (2010-12), Alacante (2009/10), Estudiantes (2007/08), Bruesa Gipuzkoa (2006/07) e Leite Rio Breogán (2005/06). Tamén foi internacional por España en categorías inferiores (sub-20 e sub-18). Os seus números a pasada tempada foron 11,1 puntos (49% en tiros de dous, 34.6% en triplas e 82,4% en libres), 2,7 rebotes e 2,1 asistencias en 24.9 minutos de xogo (27 partidos).

Segundo José Luis Mateo, director xeral do Obradoiro, "Txemi necesita poucas presentacións. O máis importante para nós é que de entre as ofertas que barallaba, el quixo xogar no Obradoiro. Estamos contentos de sumar a un xogador experto, capaz de anotar de diferentes xeitos e que nos axudará a ser mellores".

Con esta fichaxe ao Obra só lle faltarían tres pezas para completar o quebracabezas do novo plantel. Conta cos bases Mickey McConnell, Pepe Pozas e Fran Cárdenas; os exteriores Urtasun, Benzius e Santi Yusta, e os interiores Nacho Llovet, Rosco Allen (se non ficha pola NBA) e Artem Pustovyi. O pivote Juanjo Triguero ten sobre a mesa unha oferta de renovación e o regreso de Alberto Corbacho podería servir para pechar o perímetro. De confirmarse estas dúas últimas opcións, só faltaría un cinco para completar o Obra 2016-17, que arrincará o vindeiro 15 de agosto.

Crónica de José Ángel Santoveña (@JoseA_Santovena)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta