O ITMATI duplica os seus ingresos e consolídase como centro de referencia en matemática industrial

O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, participado polas tres universidades galegas, ingresou un pouco máis dun millón de euros en 2015. O seu Consello de Goberno vén de aprobar a memoria anual deste centro de transferencia de coñecemento.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/07/2016 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

O Consello de Goberno do Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) vén de aprobar a memoria anual de actividades correspondente ao ano 2015, a cal plasma un notable incremento de ingresos e da actividade, reflexo da consolidación deste centro de transferencia de coñecemento, participado polas tres universidades galegas.

Membros do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial
Membros do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial | Fonte: ITMATI.

A memoria de 2015 reflicte o notable incremento de ingresos con respecto ao ano 2014, en concreto un 97,16 por cento: de 551.529,35 euros a 1.087.372,89 en 2015, excluído o IVE, practicamente duplicando os números do exercicio anterior.

FONTES DE FINANCIAMENTO

Os ingresos totais procederon de dúas fontes de financiamento: por unha banda, os contratos de transferencia, que comprenden contratos de I+D en varias modalidades (proxectos europeos e nacionais de transferencia, contratos con empresas e convenios de transferencia con institucións); neste ámbito participaron 22 empresas, cunha contía total de 1.071.112,89 euros, o que representa o 98,50% dos ingresos totais de ITMATI para 2015. A outra fonte de financiamento son as achegas das universidades, que o ano pasado representaron 16.260 euros, o 1,5% dos ingresos totais do Instituto, segundo reflicte a memoria aprobada.

En concreto, ITMATI tivo en marcha en 2015 un total de 29 contratos con 22 empresas e entidades. Desde a súa constitución no ano 2013, a cifra global de contratos é de 37. Dos 29 contratos referidos, seis deles inscríbense no marco de convocatorias Feder Innterconecta; un é un Proxecto estratéxico de consorcios de investigación empresarial nacional (CEN), xestionado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI); dous son proxectos de investigación e de desenvolvemento individuais (PDI), xestionados por CDTI; un proxecto competitivo concedido polo goberno noruegués; dezaseis contratos/convenios de colaboración tecnolóxica directos con empresas e entidades; dous cursos de formación e a Unidade Mixta de Investigación Repsol-ITMATI, no marco dunha convocatoria da Axencia Galega de Innovación.

Todos eses contratos céntranse en tres grandes áreas de transferencia: simulación, estatística/big data e optimización. Destaca a área de Simulación Numérica con 21 proxectos activos, que representan o 48,17% da actividade total, e que superaron o 40% da facturación total do Centro. A continuación sitúase a área de optimización, que representa o 26,48% do montante de proxectos activos. Por último, a área de estatística e big data supón o 25,34%.

Ao tratarse dun centro totalmente orientado á empresa e á captación de recursos privados mediante o desenvolvemento de solucións no campo da matemática industrial, os servizos do Instituto están dirixidos a todos os sectores de actividade económica. En particular, os sectores con maior proxección en 2015 foron, por orde decreciente: enerxía, materiais, medioambiente, loxística, aeronáutica, informática e telecomunicacións, e naval.

POTENCIAL HUMANO E VOCACIÓN INTERNACIONAL

Doutra banda, o Centro ten o compromiso de consolidar tamén, cuantitativa e cualitativamente, o potencial humano no ámbito da investigación, a innovación e a transferencia matemática. Así, o persoal investigador do centro pasou de 71 persoas en 2014 a 85 o pasado ano, entre investigadores adscritos das universidades galegas ao centro, investigadores contratados, investigadores colaboradores, colaboradores e alumnado en prácticas.

Os reponsables do ITMATI tamén salientan a súa vocación internacional coas iniciativas que o centro lanzou para fomentala. Así, como socio institucional da Rede Española Matemática Industrial, o centro está presente no panorama europeo participando nas iniciativas  levadas a cabo polo European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation (EU-MATHS-IN).

Ademais, houbo cooperación internacional durante 2015 en tres proxectos e en encontros de carácter internacional: Metallurgical scale-up: mathematical models and measurement techniques to safeguard the critical process capabilities during scale-up; Accelerated FE-simulation of induction machines e Electrical conditions and their process interactions in high temperature metallurgical reactors.

E participouse nos seguintes encontros internacionais: Congreso CEDYA 2015; Fourth conference in adiabatic quantum computing; European oil&gas training and simulation forum;?EURO 2015:27 th European conference on operational research; Curso Reduced basis optimal control and application to cardiovascular modeling; The 8th international congress on industrial and applied mathematics; e HCO challenge workshop parameter and state estimation methods-software-applications.

Ademais, institución organizadora, o ITMATI ocupouse de dous eventos: 110A ESGI e a II Iberian modeling week, listaá que hai que engadir actividades como a organización de 110A European Study Group with Industry; a Xornada Big Data en Enerxía e as III Xornadas sobre Seguridade, Defensa, Tecnoloxías Matemáticas e Computacionales.

A función do ITMATI —que naceu en marzo de 2013 con vocación de ser un centro de investigación tecnolóxica de referencia a nivel internacional— é proporcionar solucións a pequenas e medianas empresas (pemes), a grandes firmas, a industrias e a Administracións Públicas para apoiar a innovación e a mellora da competitividade no sector produtivo, grazas ao uso de ferramentas desenvolvidas desde a matemática industrial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta