Abre ao tráfico a autovía da Costa da Morte entre Carballo e Baio, oito anos despois do inicio das obras

Feijóo avanza que este ano se contratará o proxecto de construción ata Vimianzo e destaca que a vía mellorará a vertebración de Galicia

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2016 | Actualizada ás 17:51 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A autovía da Costa da Morte foi aberta ao tráfico este venres tras un acto ao que asistiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou que esta infraestrutura non só une as localidades de Carballo e Baio, no Concello de Zas (A Coruña), senón que "mellorará a calidade de vida e benestar de toda a bisbarra".

No ano 2008, o por aquel entón presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, colocou a primeira pedra dun proxecto que pretendía comunicar a autoestrada da Coruña-Carballo, con esta autovía que estaba proxectada para enlazar con Cee e Fisterra ao longo de máis de 40 quilómetros. Sen embargo, na actualidade abriuse ao público un tramo de 27 quilómetros dende Carballo a Baio.

Neste sentido, Feijóo avanzou durante o acto de inauguración a contratación "este mesmo ano" do proxecto de construción que permitirá a prolongación da autovía ata o Concello de Vimianzo, para "dende aí, enlazar con outros lugares como o municipio de Camariñas".

Así mesmo, sinalou que "para chegar a Fisterra fai falta chegar primeiro a Baio". "Niso estamos", agregou Feijóo. Polo momento, segundo destacou o mandatario galego, hai 27 quilómetros libres de peaxe nos que se transcorre por cinco concellos que quedan á súa vez "vertebrados".

APOSTA DO GOBERNO

O presuposto final foi de 170 millóns de euros e, segundo os datos ofrecidos pola Xunta nun comunicado, serán 120.000 os veciños que comezarán a beneficiarse desta infraestrutura. Ademais, Feijóo asegurou que esta autovía é unha referencia da aposta do Goberno galego por avanzar na vertebración da Comunidade.

Por outro lado, recordou que "a pesar de estar nun contexto de estreitezas económicas", a rede autonómica de vías de alta capacidade creceu un 66% nos últimos oito anos, polo que cando remate o ano o 80% da poboación estará a "menos de 15 minutos dunha vía de alta capacidade".

O presidente tamén apuntou a que a Xunta conxelou as taxas das autoestradas de peaxe autonómicas e tamén reduciu os custos para os usuarios que as usan habitualmente. Desta forma, segundo indicou, as peaxes das dúas autoestradas propiedade da Comunidade convertéronse nas "máis baratas de España".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta