VIGO | 22/08/2016 | Actualizada ás 17:53 por EUROPA PRESS
A unidade de Radioloxía do Hospital Xeral iniciou este luns a súa actividade no anexo II do edificio do antigo hospital, tras unhas pequenas obras de reforma, xa que inicialmente este servizo se prestaba no anexo I (que agora está incluído no proxecto da futura Cidade da Xustiza).
Segundo informou o Sergas, as obras concluíron o xoves e este luns estreáronse as instalacións, que están "perfectamente dotadas e acondicionadas para prestar unha atención de calidade". "De detectarse algunha deficiencia estrutural ou incidencia no funcionamento destas instalacións, procédese a solucionala de inmediato", apuntou Sanidade nun comunicado.
Precisamente, a executiva comarcal viguesa da federación de Sanidade de CC.OO. denunciou as condicións nas que se puxo en marcha este servizo. Segundo o sindicato, o local "ten sucidade e está poboado de insectos", hai un só aseo compartido por traballadores e usuarios, e "desborda auga".
A nova unidade, segundo informou Sanidade, está dotada cunha sala de RX convencional, tres cabinas, unha sala de espera para pacientes, e unha sala de estar para o persoal. Tamén conta con aseos e vestiarios. Este servizo realiza probas de radioloxía simple, placas de abdome, tórax e exploracións osteoarticulares programadas e urxentes.
Na actualidade, a actividade está atendida por un Técnico Especialista de Radiodiagnóstico (TER) por quenda, pero en próximos días reforzarase cada quenda, de mañá e tarde, cun TER máis.
OUTROS SERVIZOS
Ademais da unidade de Radioloxía, o anexo II do Hospital Xeral alberga servizos como un Punto de Atención Continuada, o centro de Saúde de rúa Bolivia, unidade de Reprodución Asistida, consulta de Esterilidade, Centro de Orientación Familiar, e unha unidade ambulatoria de Fisioterapia.
Así mesmo, neste anexo unificaranse as unidades de Saúde Mental de Coia, A Doblada e Lavadores, unha vez que se realicen as necesarias obras de adaptación funcional.
De feito, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns unha resolución pola que se anuncia a contratación da obra de adaptación para o centro de saúde e unidade de saúde mental do anexo II. Esta obra, cofinanciada con fondos europeos, ten un presuposto de 933.000 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.