PONTEVEDRA | 21/09/2016 | Actualizada ás 09:30 por EUROPA PRESS
Un tractor ardeu na tarde do martes no interior dunha nave agrícola do municipio pontevedrés de Tomiño, que se viu afectada polo fume, pero non houbo persoas feridas.
Segundo informou o 112 Galicia, as instalacións afectadas sitúanse no medio dunha plantación de kiwis, no Bouzón, na parroquia de Piñeiro, en Tomiño.
En concreto, foi un particular o que solicitou axuda ao 112 Galicia ás 20,30 horas do martes. Segundo explicou, no interior do local había cinco tractores, depósitos de gasóleo e diverso material agrícola.
Con todos estes datos, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia alertou aos Bombeiros do Baixo Miño e ao GES da Guarda.
A situación tamén foi posta en coñecemento dos Bombeiros de Vigo, así como de Protección Civil, da Policía Local e da Guardia Civil. Os Bombeiros do Baixo Miño conseguiron sufocar o incendio minutos despois das 21,00 horas do martes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.