O abuso de alcol na adolescencia causa alteracións funcionais na maduración do cerebro

A Universidade de Santiago participa en dous estudos sobre os efectos do consumo de alcol entre adolescentes que demostran alteracións nos circuítos cerebrais e unha asociación entre alcolismo e o aumento dos síntomas psicopatolóxicos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/09/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

"Un patrón continuo de consumo excesivo de alcol conduce a alteracións funcionais no proceso de maduración normal do cerebro, mesmo antes de que os cambios anatómicos podan ser detectados". Así o conclúe un estudo realizado por científicos da Universidade Complutense de Madrid (UCM), da Universidade de Santiago de Compostela (USC), da Universidade de Minho (Portugal) e do Centro de Tecnoloxía Biomédica CTB (Madrid), publicado en Scientific Reports. No estudo, os científicos que descubriron que existen alteracións funcionais no cerebro de mozos bebedores, despois dun seguimento de dous anos.

Consumo de alcol entre adolescentes
Consumo de alcol entre adolescentes | Fonte: Pixabay.

Os científicos xa tiñan comprobado que as borracheiras ocasionais alteran os circuítos cerebrais dos adolescentes. Agora, foron un paso máis aló ao analizar, con magnetoencefalografías (MEG) como evolucionou a conectividade cerebral en adolescentes en función de se son bebedores ou non. Para iso, avaliaron a 39 estudantes, 22 non consumidores ou ocasionais e 17 que practicaban consumo intensivo de alcol (beber grandes cantidades en pouco tempo), durante un período de seguimento de dous anos.

"Descubrimos unha diferente configuración funcional de diversos circuítos cerebrais segundo sexan consumidores ou non, a cal se foi incrementando co paso do tempo nos bebedores", resume, en declaracións á axencia SINC, Luís Miguel García Moreno, investigador do departamento de Psicobioloxía da UCM e coautor do traballo, publicado en Psicothema.

Os circuítos implicados forman parte da denominada rede neuronal por defecto (DMN polas súas siglas inglés), composta por rexións cerebrais activas cando a mente está en repouso. O precúneo, o cíngulo anterior e posterior, o córtex medio prefrontal e córtex inferior parietal son algunhas destas zonas, que mostraron alteracións nos cerebros de mozos cuxo patrón de consumo se mantivo durante dous anos. 

AUMENTO DE SÍNTOMAS PSICOPATOLÓXICOS

Outro recente estudo destes científicos, con 3.696 estudantes universitarios de 18 anos de idade,. revelou que empezar a beber alcol a unha idade temperán asóciase cun aumento dos síntomas psicopatolóxicos, é dicir, de indicios que apuntan á posibilidade de padecer unha alteración psicolóxica no futuro. 

"A presenza destes indicios non significa necesariamente a existencia do trastorno clínico, pero si se pode interpretar como unha susceptibilidade para padecelo", explica á axencia SINC García Moreno 

Os científicos tiveron en conta nove dominios psicopatolóxicos: ansiedade, depresión, obsesión-compulsión, fobia, hostilidade, ideación paranoide, sensibilidade interpersoal, psicoticismo e somatización. Os participantes, entre os que non figuraba ningún abstemio, tiveron que encher cuestionarios anónimos onde se lles preguntaba pola frecuencia de consumo de alcol, a idade de inicio e cuestións encamiñadas a determinar en que medida sufrían algúns dos nove síntomas seleccionados.  

O estudo revela que empezar a beber alcol entre os once e os trece anos aumenta o risco de experimentar síntomas de malestar en comparación con aqueles cuxo inicio se sitúa a partir dos dezaseis anos. O síntoma máis frecuente rexistrado polos adolescentes foi a somatización, que implica experimentar sensacións de malestar corporal relacionadas, sobre todo, con dores musculares, alteracións respiratorias e gastrointestinais.

Outros síntomas comúns foron a hostilidade e a agresividade, o que leva unha maior propensión a manifestar ideas ou comportamentos violentos cara a outros ou cara a si mesmos.

DIFERENZAS EN FUNCIÓN DO XÉNERO

Do traballo despréndense diferenzas en función do xénero. "As mulleres mostraron signos de ansiedade e depresión, mentres que os homes reflectiron un certo grao psicoticismo", compara García Moreno. En xeral, elas rexistraron valores máis altos dos indicadores o que, segundo o psicólogo, pode indicar unha maior vulnerabilidade das adolescentes para os efectos do alcol. 

Segundo os autores desta investigación, ao tratarse dun estudio transversal –feito nun único momento de desenvolvemento dos participantes– non se puede establecer unha causa-efecto entre o consumo de alcol e padecer os síntomas. Só se demostra que existe unha relación. “Non podemos afirmar que é primeiro, se o consumo produce os síntomas ou certos síntomas predispoñen ao consumo”, salienta García Moreno para SINC.

---------------------------------------------------------------------

A. Correas, P. Cuesta, E. López-Caneda, S. Rodríguez Holguín, L. M. García-Moreno, J. A. Pineda-Pardo, F. Cadaveira y F. Maestú. “Functional and structural brain connectivity of young binge drinkers: a follow-up study”,Scientific Reports 6, agosto 2016. DOI: 10.1038/srep31293

Carina Carbia, Montserrat Corral, Luis Miguel García-Moreno, Fernando Cadaveira y Francisco Caamaño-Isorna. “Early alcohol use and psychopathological symptoms in university students”. Psicothema 28 (3), 2016.DOI: 10.7334/psicothema2015.251

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta