VIGO | 28/09/2016 | Actualizada ás 20:00 por EUROPA PRESS
A dirección de Podemos Galicia descartou que vaia reclamar un peso específico para os sete deputados electos de En Marea que proveñen da formación morada (aínda que algúns son críticos con esta dirección), xa que forman parte dese grupo parlamentario e "son deputados de En Marea a todos os efectos".
Así o manifestou a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, en declaracións a Europa Press, e precisou que, en todo caso, a "prioridade" agora do seu partido é traballar na posta en marcha do grupo parlamentario.
Tras os comicios do domingo, resultaron electos sete candidatos procedentes de Podemos: a propia Carmen Santos, Marcos Cal, Juan Merlo, Paula Quinteiro, Luca Chao, Madalena Barahona e Pancho Casal. Non obstante, Chao, Casal, Quinteiro e Cal forman parte do grupo de críticos coa dirección galega da formación morada.
Santos explicou que "aínda "non se falou" tampouco do futuro papel que podería ter Podemos, xa non no grupo parlamentario, senón no partido instrumental En Marea, e sinalou que os responsables da súa formación están agora en pleno proceso de "solicitar datos" para analizar os resultados das eleccións do domingo pasado.
Finalmente, en relación co chamado 'Proceso UNIDADE' iniciado polo sector crítico da formación, co fin de "refundar" o partido, Santos precisou que se trata dun "iniciativa" dalgunhas persoas "a título individual", da que non ten "moita información", e que en nada ten que ver cos órganos de dirección de Podemos Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.