A Xunta mellorará as entradas do Camiño en Compostela coa vista posta no Ano Santo 2021

Feijóo agradece o traballo do autor do informe, Xerardo Estévez, e sinala que a previsión é que as actuacións estean acabadas en 2019

Santiago de Compostela | 29/09/2016 | Actualizada ás 18:01 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves a mellora e adecuación da entrada en Compostela das rutas jacobeas para "avanzar na excelencia turística" da capital galega e coa vista posta no Ano Santo 2021, posto que aspira a que sexa "histórico".

Tras a reunión semanal do seu Executivo, Feijóo destacou a intención do seu Executivo de dar "un novo impulso" ao Camiño de Santiago, e avanzou as propostas de actuación para a integración paisaxística das rutas na capital galega.

En concreto, o mandatario autonómico sinalou que no Camiño Francés os peregrinos se senten desorientados ao pasar pola ponte de San Lázaro e ao chegar ao cruzamento entre a Avenida de Lugo e Concheiros.

O titular do Goberno autonómico explicou que este estudio parte dun traballo de campo ao longo dos Camiños Francés, Portugués, Inglés, Vía da Prata e o de Fisterra, e de varias análises previas.

Nesta liña, precisou que a análise do medio natural parte de dous documentos: o Estudio de sostenibilidade ambiental, o impacto territorial e paisaxístico do PXOM de Santiago e o estudio dunha estratexia verde para Santiago de Compostela do Consorcio, con especial atención ao feísmo.

Para analizar a planificación urbanística, estúdase o PXOM de 2008. Igualmente, estúdanse os criterios patrimoniais e etnográficos a partir da Lei de protección do Camiño de Santiago e das súas declaracións como BIC e Patrimonio da Humanidade, así como aspectos socioeconómicos como o risco de masificación no Camiño.

FINALIZADO EN 2019

Feijóo agradeceu o traballo do autor do informe analizado este xoves, Xerardo Estévez, arquitecto urbanista, e tamén ao Instituto de Estudos do Territorio, que dirixiu a súa elaboración.

Así mesmo, indicou que se traballa coa previsión de que todas as actuacións estean finalizadas en 2019, con tres etapas. Na primeira, entre setembro e decembro deste ano, contémplase a realización dun estudio para a mellora da permeabilidade da Avenida de Lugo no ámbito do Camiño.

Ao longo de 2017 redactaranse os proxectos de execución das tres zonas prioritarias, e entre 2018 e 2019 levarase a cabo a execución das tres actuacións propostas e a súa posible extensión a outros puntos do Camiño.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta