A patronal galega está en mans dos bancos

O recén dimitido presidente alerta que a CEG podería desaparecer pois non ten cartos nin para montar o ERE que prevé o plan de viabilidade. Diéter Moure acusa aos dirixentes provinciais de antepor intereses persoais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2016 | Actualizada ás 20:07

Comparte esta noticia

Antonio Diéter Moure Areán, quen o pasado venres dimitiu como presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), asegurou que a persoa que está á fronte da patronal galega "é un reo dos presidentes provinciais".

Antonio Dieter Moure
Antonio Dieter Moure | Fonte: crtvg.es

Nunha entrevista en RNE recollida por Europa Press, recoñeceu non estar "arrepentido" tras dimitir deste cargo, senón "todo o contrario". "Había certas tensións ou desencontros que non contribuían ao bo entendemento", indicou Diéter Moure.

A continuación, asegurou ter a sensación de que os intereses da CEG e os dos presidentes provinciais "van por diferentes rumbos". A este respecto, preguntado directamente por se son os presidentes provinciais os que manexan os fíos, subliñou que si.

Deseguido, explicou que, cando comezou o seu mandato á fronte da patronal galega, supuxo que "todos" empurrarían "polos intereses" da CEG, cousa que non foi así porque hai, defendeu, "outros intereses que priman". Refírese aos intereses persoais e provinciais, que ve "un lastre" para a patronal.

ANTONIO FONTELA

Cuestionado sobre o presidente da patronal coruñesa, Antonio Fontenla, precisou que este "nunca" lle dixo "expresamente" que lle retiraba o seu apoio, aínda que si recoñece que puido haber unha "perda de confianza". Non obstante, destacou que aquel "apoio desinteresado" por parte de Fontenla nun principio, "non o había".

Sobre o plan de viabilidade, fixo fincapé en que é "imposible" desenvolvelo e, para exemplificar isto, empregou unha metáfora. Así, explicou que se quixese construír unha casa lle pediría a un arquitecto que o fixese un proxecto e, a continuación, a unha empresa construtora que lle construíse a vivenda.

Neste sentido, indicou que, aínda que teñen ese proxecto --o plan de viabilidade-- , para desenvolvelo necesitan un diñeiro do que non dispoñen. É máis, asegurou que nin sequera teñen diñeiro para realizar unha redución de persoal e indemnizar os traballadores.

"NAS MANS DOS BANCOS"

De igual modo, considera que, aínda que a patronal está "enferma" e ten "uns graos de febre", non se atopa na mesma situación que cando el chegou ao cargo. Así mesmo, alertou de que a patronal podería desaparecer se as cousas non se fan con "criterio e sentido común", pois recoñeceu que, na actualidade, están "nas mans das entidades financeiras".

Na liña do plan de viabilidade, denunciou que os críticos simplemente se limitasen a dicir que non estaban de acordo con el en lugar de achegar cousas.

Sobre as próximas eleccións para elixir o seu sucesor, Diéter Moure recoñeceu que non lle gustaría que fose un presidente provincial debido a que hai "intereses contrapostos". Así, espera quela nova persoa estea moitos anos no cargo, pero advírtelle que será "reo" dos presidentes provinciais: "Que non lle quede dúbida ningunha".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Gamela

Unha grande verdade, nas mans dos bancos estamos todos !!! http://auditoriaciudadanamunicipal....

2 Gamela

En Vigo temos un mangante / magnate da enerxía solar privativa ... ver Sol Salfer no mapa: https://goo.gl/0ienUR

1 Así afunda enteira

Dieter é un home válido sobrepasado polas circunstancias e polas redes caciquís do PP. Tentou coller o rumbo do barco cando xa estaba a piques de afundir de vez e non foi quen. Hai que recoñecerlle a súa capacidade de diálogo, a súa sensibilidade un pouco máis galeguista ca o seu predecesor e mais os seus esforzos por despolitizar a CEG, absolutamente copada polos caciques do PP e os lobbies das construtoras e demais xentalla que mangonea o país.