Temas: MúSICA

A fadista máis popular na actualidade chega a Galicia

A cantora portuguesa Ana Moura foi unha das estrelas, do Tributo a Prince, con quen mantiña unha estreita relación. A comezos de novembro estará no Auditorio de Galicia.

Por GC Tendencias | Santiago de Compostela | 17/10/2016 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

Ana Moura participou o pasado xoves no Tributo a Prince en Minneapolis, a única homenaxe aprobada pola familia do cantante, con quen a fadista portuguesa mantiña unha estrela relación, tanto humana como musical. E o vindeiro 5 de novembro, presenta en Compostela o seu último disco, ‘Moura’, dentro da súa xira ‘On tour in Europe’. Será no Auditorio de Galicia ás 21 horas.

Ana Moura
Ana Moura | Fonte: Isabel Pinto wikimedia

As entradas para o concerto de Ana Moura, que será o sábado 5 de novembro as 21.00h  no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela xa se poden mercar en Ataquilla, dende 18 euros.

Na homenaxe a Prince, á que asistiron máis de 20.000 persoas na súa cidade natal, participaron varios artistas, entre os que estaban Stevie Wonder, Chaka Khan, Anita Baker, Christina Aguilera, John Mayer e os músicos da New Power Generation, a banda que acompañaba o xenio de Minneapolis. No concerto, onde todo o mundo ía vestido de lila (a cor favorita do homenaxeado), Ana Moura interpretou dous temas del, ‘Little Red Corvette’ e ‘Walk in Sand’, con sabor a fado, iso si.

Ana Moura é a artista portuguesa cunha carreira máis puxante na actualidade, con máis de 300.000 discos vendidos, máis dunha ducia de galardóns entre os que destacan dous Globos de Ouro, dos premios Amália e colaboracións con iconas da música como Prince, Rolling Stones, Caetano Veloso, Gilberto Gil ou Herbie Hancock.

‘Moura’

Agora está a presentar o seu sexto álbum, ‘Moura’ (Universal Music, 2015), que chegou a ser inmediatamente Disco de Ouro. Nel a artista incorpora grandes nomes da música portuguesa, como Carlos Tê, Samuel Úria, Jorge Cruz, Edu Mundo ou Sara Tavares. E tamén interpreta temas doutros músicos destacados, como Miguel Araújo ou Pedro da Silva (Deolinda).

‘Moura’ sucede a ‘Desfado’ o disco máis vendido en Portugal dos últimos anos, con cinco discos de platino. ‘Desfado’ mantense no top de vendas en Portugal desde a data que saiu, hai máis de 150 semanas consecutivas.

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta