Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2025 | Actualizada ás 17:15
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de facer pública a resolución da convocatoria de axudas para a organización de laboratorios e residencias audiovisuais, que nesta edición reparte 180.000 euros entre oito iniciativas que se desenvolverán ao longo do ano en distintos puntos de Galicia.
Entre os proxectos seleccionados figuran programas xa consolidados como Intersección Lab ou FICBueu, xunto con propostas máis recentes como ese8 Lab ou Terra#LAB. A relación complétase coa plataforma Ventura, Conecta Lab, Agapi Impulsa Copros e as Tutorías AGAG para Mulleres Guionistas. Todos eles presentan, segundo a Xunta, "propostas innovadoras" dirixidas a fortalecer a creación e o talento galego.
APOIO Á FASE PREVIA DOS PROXECTOS
Esta liña de financiamento púxose en marcha no ano 2024 coa intención de acompañar os procesos iniciais de desenvolvemento de proxectos audiovisuais, unha etapa que moitas veces carece de recursos propios pero que resulta fundamental para a súa consolidación posterior. A convocatoria está deseñada para facilitar o traballo en contornas de colaboración intensiva, cun enfoque centrado nos encontros presenciais en datas e localizacións específicas.
Segundo explicou a Xunta nun comunicado, o obxectivo destas axudas é garantir a calidade, viabilidade técnica e financeira das futuras obras, contribuíndo a que os proxectos medren desde as súas fases máis embrionarias. A Administración autonómica incide tamén na importancia de fomentar a profesionalización do sector e reforzar a súa presenza nos circuítos culturais e de produción.
CONSOLIDACIÓN DO ECOSISTEMA GALEGO
As entidades seleccionadas contan, en todos os casos, cunha traxectoria recoñecida no ámbito da creación audiovisual. Moitas delas veñen desenvolvendo actividades formativas, de asesoramento e acompañamento creativo desde hai anos, e achegan un coñecemento acumulado que se traduce nun impacto directo sobre os profesionais emerxentes e as novas xeracións do sector.
A Xunta subliña ademais o seu compromiso coa creación galega e coa igualdade de oportunidades, aspectos que se evidencian no apoio a iniciativas específicas como as Tutorías AGAG para Mulleres Guionistas, que pretenden corrixir desigualdades estruturais e promover unha maior representación das mulleres nos procesos de escritura audiovisual.
A convocatoria insírese nas políticas da Consellería orientadas a reforzar o tecido cultural galego, poñendo o foco nas fases máis fráxiles do ciclo creativo e impulsando o traballo colaborativo como motor de innovación e desenvolvemento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.