Immochan España presenta a única oferta para construír o Centro Vialia da estación de Urzáiz en Vigo

É o terceiro intento de Adif para adxudicar a construción da estación proxectada por Thom Mayne

VIGO | 18/10/2016 | Actualizada ás 18:36 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Immochan, socio inmobiliario de Auchan Retail (do grupo Auchan), presentou a única oferta para construír e explotar o Centro Vialia da estación de Urzáiz en Vigo, coñecido como a estación de Thom Mayne, segundo confirmou Adif.

Este martes finalizou o prazo para a presentación de ofertas neste procedemento, negociado con publicidade, e que supón o terceiro intento para adxudicar a obra deseñada polo arquitecto norteamericano. Así, Fomento convocou un concurso público en 2011 para rematar a estación do AVE de Vigo, pero as empresas interesadas botáronse atrás.

Posteriormente, reformulouse o proxecto para abaratalo e espertar o interese dos investidores, pero o segundo concurso quedou deserto. A partir de aí, volveuse convocar o procedemento, esta vez negociado con publicidade, e fixouse un prazo de catro meses para a presentación de ofertas, que expirou este martes.

Adif confirmou que a única proposta presentada é a de Immochan, empresa inmobiliaria especialista en centros comerciais, vinculada ao grupo Auchan (que xestiona xa en Vigo os centros comerciais Alcampo e outras cadeas).

O próximo 1 de decembro procederase á apertura, en acto público, da oferta económica. A partir de aí, analizarase o seu contido e comprobarase que a empresa reúne todos os requisitos contemplados no prego para facerse adxudicataria da obra.

LICITACIÓN

A licitación deste proxecto inclúe o dereito de uso do Centro Vialia ao adxudicatario para a súa explotación por un período de 50 anos; así como o pagamento, por parte dese adxudicatario, dunha renda fixa anual que se irá incrementando un 1% en cada exercicio.

No prego contémplanse, como xa acontecía no concurso anterior, dúas posibilidades de construción: a proposta A, por valor de 126 millóns de euros e cunha superficie construída de 120.000 metros; e a proposta B, que reduce a edificabilidade lucrativa e a superficie (ata algo máis de 90.000 metros), e cunha inversión estimada de 69 millóns de euros.

A xestión do servizo ferroviario público non é obxecto desta licitación, e Adif resérvase o espazo necesario na estación para os accesos, despacho de billetes, puntos de información e outros servizos públicos complementarios.

DESEÑO DE THOM MAYNE

O Centro Vialia executarase segundo o deseño realizado en 2011 polo arquitecto norteamericano Thom Mayne, Premio Pritzker 2005, polo que o adxudicatario estará asistido, durante a execución da obra, polo estudio deste arquitecto en España (Morphosis).

Segundo se deseñou, o edificio inclúe unha grande praza pública na cuberta superior, que dota ao complexo dunhas magníficas vistas sobre a Ría de Vigo. Este elemento servirá tamén para reforzar a conexión e integración urbana nunha zona da cidade, cun gran desnivel.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta