Temas: DROGA CHARLíN

A Charlín vinculada ao maior laboratorio de heroína de España sae indemne do segundo día de xuízo

Policías que interviñeron na operación recoñecen que nin ela nin o seu esposo, compañeiros de banco, foron vistos en Valladolid.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/10/2016 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

A sobriña do patriarca dos 'Charlines' María Yolanda C.M, a xuízo dende o luns en Valladolid xunto ao seu marido baixo a acusación de facer en decembro de 2013 un pedido de seis quilos de heroína aos responsables do primeiro laboratorio desta substancia descuberto en España, saíu indemne este martes da segunda xornada ao non ser capaz ningún dos policías declarantes de situala por aquelas datas na provincia valisoletana.

María Yolanda C.M e varios encausados máis, de costas., no xuizo vinculado ao maior laboratorio de heroína de España
María Yolanda C.M e varios encausados máis, de costas., no xuizo vinculado ao maior laboratorio de heroína de España | Fonte: Europa Press.

Os axentes, todos eles participantes no dispositivo de seguimento e vixilancia montado nos arredores do laboratorio, sito na localidade de Fuensaldaña (Valladolid), limitáronse a ratificar a participación nos feitos doutros seis dos procesados que figuran inmersos na presente causa e que xa o primeiro día do xuízo recoñeceron a súa culpa e pactaron distintas penas que ascenden a 39,5 anos, 31 anos menos dos que inicialmente pedía para eles no seu conxunto o Ministerio Fiscal.

Non obstante, os funcionarios policiais recoñeceron que no curso das pescudas, de forma coordinada coa Udyco de Madrid e o Greco de Pontevedra, nunca chegaron a detectar na provincia de Valladolid a presenza da 'Charlín' nin do seu esposo, o hondureño Walter V.R., e iso a pesar de que a fiscal do caso sitúa a ambos os dous na capital do Pisuerga o 1 de decembro de 2013 para, supostamente, pechar a compra de heroína que tres días despois tería que ser transportada ata Cambados.

Respecto do terceiro procesado galego, Víctor R.D.P., que ao igual que os dous anteriores declarouse inocente, os 'antidroga' creen que puido ser un dos dous homes que o 28 de novembro de 2013 se entrevistaron en Valladolid co 'cerebro' do laboratorio, Carlos P.H, e mesmo visitaron as instalacións deste en Fuensaldaña, tras o cal compartiron mesa e mantel no restaurante 'Manolín', na estrada de La Esperanza.

Aínda que Víctor R.D.P. é, segundo a tese da acusación pública, o mensaxeiro que a 'Charlín' e o seu esposo mandaron a Valladolid para coñecer o laboratorio antes de realizar o encargo de mercadoría, os policías admiten que puido ser un dos interlocutores do encontro presenciado ese día, pero sen ter a certeza absoluta diso.

POR UNHA FOTOGRAFÍA

"Facilitei a súa descrición e o sospeitoso foi identificado a partir dunha fotografía que achegou o inspector do grupo", explicou un dos policías, quen, así mesmo, relatou que o dispositivo de vixilancia foi activado a raíz de que o seu xefe lles informase de que, grazas a 'picadas telefónicas', se coñecera que varios emisarios de Galicia tiñan previsto desprazarse a Valladolid para citarse cos do laboratorio.

De feito, outro dos policías, en declaracións recollidas por Europa Press, incidiu en que o principal inculpado neste proceso, Carlos P.H, residente en Valladolid, estaba a ser xa investigado dende había tempo antes por tráfico de drogas a partir dun taller na tamén localidade valisoletana de La Cistérniga no que, ademais, se manipulaban números de bastidores de vehículos roubados para a súa posterior venda.

"Cruzouse esta investigación con outra que se estaba a realizar en Galicia", apuntou o axente, quen, xunto con outros compañeiros, participou o día 4 de decembro no dispositivo que se saldou coa interceptación dun turismo Opel Astra cargado con 6 quilos de heroína que, supostamente e como así mantén a fiscal, tiñan por destino Cambados e foran encargados pola 'Charlín' e o seu marido.

"Foi un milagre que ningún axente resultase atropelado porque a fuxida foi moi violenta", recordou a testemuña aliviada.

O xuízo na Audiencia de Valladolid continuará o próximo martes, día 25 de outubro, e está previsto que as conclusións poidan ser xa expostas o día 27, bastantes días antes do previsto grazas a que as distintas partes comparecidas no proceso renunciaron a abundante proba testifical e pericial.

María Yolanda C.M, o seu esposo Walter V.R. e Víctor R.D.P. expóñense a unha condena de oito anos de cárcere e ao pagamento de multas por importe de 1.400.000 euros.

Temas: DROGA CHARLíN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta