Feijóo pospón a negociación co Goberno sobre o traspaso da AP-9 porque "en funcións" non se pode solucionar

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, pospuxo este martes calquera negociación co Goberno sobre a transferencia a Galicia da AP-9 ata que ambos os dous executivos deixen de estar en funcións e recuperen "tódalas súas competencias".

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2016 | Actualizada ás 14:59 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, pospuxo este martes calquera negociación co Goberno sobre a transferencia a Galicia da AP-9 ata que ambos os dous executivos deixen de estar en funcións e recuperen "tódalas súas competencias".

O mesmo día en que só En Marea acudiu á reunión convocada polo BNG para abordar a decisión da Mesa do Congreso de paralizar temporalmente o debate sobre a proposta lexislativa do Parlamento galego en relación á citada vía, Feijóo considerou que non é "moi axeitado" formular agora encontros.

E é que, como subliñou ao ser preguntado ao respecto polos xornalistas nunha visita a Marín (Pontevedra), "intentar solucionar e desatrancar problemas importantes con gobernos en funcións non é, en ningún caso, unha formulación axeitada".

"Sobre todo, se queremos solucionar esa cuestión", incidiu, partidario de esperar a contar con "gobernos de pleno dereito" para tomar decisións.

"FALAR" A PARTIR DE NOVEMBRO

Neste escenario, Feijóo apuntou que "é probable" que o Goberno de España recupere a súa actividade normal "a partir da próxima semana", mentres el o fará "a partir de mediados de novembro".

"Cos dous gobernos exercendo as súas competencias é cando podemos falar", reafirmouse.

Dito isto, recalcou que o goberno que encabeza leva "bastante tempo traballando" por esta cuestión e seguirá facéndoo -comprometeu- na lexislatura recén inaugurada, da mesma forma que o fixo na pasada.

DEFENSA DO TRASPASO

Pola súa banda, o Grupo Parlamentario Popular emitiu un comunicado no que cualificou de "extemporánea" a reunión de BNG e En Marea e fixo fincapé na necesidade de esperar a que se conformen os executivos estatal e autonómico para "intentar corrixir o erro" de negar o traspaso a Galicia.

Así mesmo, os deputados do PP no Parlamento galego apelaron a "manter a unidade" lograda na aprobación do proxecto lexislativo en defensa do cambio de titularidade da autoestrada, unha cuestión que intentaron "dende 2009" e que tamén buscou a propia Xunta en distintos momentos.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta