Camilo Nogueira, unha figura “transversal” clave na política galega

Centos de persoas, entre eles numerosos ex-deputados autonómicos, arroupan ao histórico dirixiente nacionalista nun acto en Santiago.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/11/2016 | Actualizada ás 01:22

Comparte esta noticia

Camilo Nogueira é historia viva da política galega moderna. O histórico dirixente nacionalista é das poucas figuras que espertan simpatías e admiración entre correntes políticas distintas. Por iso, representantes das catro forzas políticas con representación no Parlamento galego  destacan a importancia do papel desenvolvido por Nogueira na redacción do Estatuto dá Autonomía Galega e no asentamento das bases dunha Galicia moderna con identidade propia pero que mira ao mundo e se integra nel. Así llo recoñeceron este venres destacados dirixentes da política galega, co gallo do acto de homenaxe á que é considerada por todos unha figura "transversal" na vida política de Galicia.

Ana Pontón e Camilo Nogueira, no acto de homenaxe ao histórico dirixente nacionalista
Ana Pontón e Camilo Nogueira, no acto de homenaxe ao histórico dirixente nacionalista | Fonte: Europa Press.

"Supoño que a todo o mundo lle sorprenderá, a min o primeiro, e espero que, dalgunha forma, isto supoña que hai algo que nos une a todos, mesmo aos diferentes. Iso creo que é moi importante e bo para o futuro", manifestou Nogueira no acto que reuniu a históricos nacionalistas e a rostros de novas forzas políticas como En Marea.

Pero as gabanzas a Camilo Nogueira tamén lle chegan dos que son os seus adversarios naturais no plano ideolóxico. Así, por exemplo, o popular Pedro Puy puxo en valor o traballo do histórico militante do BNG na construción do "actual marco democrático" dende a esquerda nacionalista, mentres que o líder dos socialistas, Xoaquín Fernández Leiceaga, incidiu na súa capacidade para "forxar grandes acordos" en cuestións centrais da imaxe colectiva de Galicia como a Lei de símbolos ou a Lei de normalización lingüística.

Precisamente, á súa chegada ao evento, no que se reuniron centos de persoas no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, Nogueira asegurou que "non esperaba" esta homenaxe que, segundo explicou, foi "espontánea" e partiu de "moitos amigos, moitos deles amigos dende os anos sesenta".

Da parte de En Marea, Luís Villares destacou a importancia da figura de Nogueira para "toda unha xeración" como a súa. "Dende o meu punto de vista, e creo que para moita xente da miña xeración, explicou o nivel de importancia estratéxica que tiña que a voz de Galicia estivese presente directamente en Europa", asegurou para sinalar que "con el, o interese pola UE chegou a Galicia para quedar".

E é que, segundo indicou Villares, "dende o seu paso polas institucións europeas a forma de ver a Europa dende Galicia cambiou para sempre". "Foi unha achega que transcende o espazo ideolóxico do nacionalismo ao conxunto do país".

Neste punto, a que tamén foi eurodeputada do BNG e actual voceira da formación nacionalista en Bruxelas, Ana Miranda, recordou que Nogueira foi o primeiro político en falar galego nas institucións europeas. "Falou galego no Parlamento Europeo con total amplitude e sen complexos e mesmo chegou a recibir críticas por iso", explicou Miranda, que recordou as reprobacións que lle fixo publicamente por iso o socialista Francisco Vázquez.

Miranda, que xa traballara no gabinete de Camilo Nogueira durante a súa etapa de deputado, destacou o seu "optimismo" e "perseveranza". "Esa perseveranza de nunca darse por vencido, iso é algo que aprendín del", manifestou para recordar que "facía dos problemas alleos, os seus propios".

Tamén recordou que o seu traballo en Europa posibilitou que, tras o accidente do 'Prestige' acontecido en novembro de 2002, se puxese en marcha unha comisión de investigación sobre o reforzo da seguridade marítima en Europa. "Aprendín moitísimo del polo que, cando chegamos ao escano na lexislatura pasada, tiña a bagaxe de ser asistente, a bagaxe de ser escudero antes de cabaleiro", indicou.

Pola súa banda, a voceiro parlamentaria e líder do BNG, Ana Pontón, asegurou que Camilo Nogueira "representa unha parte da historia do nacionalismo" de Galicia especialmente nos anos 80 e 90. "Foi un entusiasta, optimista, sempre comprometido con Galicia e cargado de enerxía para tirar para diante na defensa dos intereses galegos", manifestou.

"Camilo é unha referencia da defensa de Galicia na articulación do nacionalismo, un home que sempre tendeu pontes, un militante destacado, cunha vertente de optimismo, de confianza no que podemos facer os galegos polo noso futuro, de confianza no sono que compartimos dunha Galicia ceibe, soberana, que mira ao mundo con orgullo", manifestou.

Neste sentido, subliñou a súa "defensa clara de que Galicia é unha nación". "E de que, como nacionalistas, temos que aspirar a algo máis que a ese marco raquítico que nos queda pequeno para que Galicia poida lucir en plenitude", apuntou.

En relación ao seu papel na construción do nacionalismo galego, Ana Miranda destacou tamén que o seu traballo no Parlamento Europeo lle permitiría "tecer redes antes nunca vistas" que serían "fundamentais" para a apertura do nacionalismo e, sobre todo, para "crear dentro de Galicia unha imaxe de que o nacionalismo que representaba o BNG, ademais de ser de esquerdas e de todas as súas particularidades, era aberto ao mundo". "Isto tamén llo debemos", sinalou.

Moitos, como o alcalde de Santiago, consideran que Camilo Nogueira é unha desas figuras que se poden cualificar de "imprescindibles". "Tanto na proxección dunha aposta pola recuperación da autoestima como país coma en todo o que defendeu sobre como se pode incluír un país nun espazo como Europa", indicou Martiño Nogueira, quen tamén valorou a súa aposta pioneira para que Galicia formase parte dun espazo como o da lusofonía.

PIONEIRO DO NACIONALISMO GALEGO EN EUROPA

Nado en 1936 en Pontevedra, Camilo Nogueira formouse como enxeñeiro industrial en Vigo, Bilbao e Madrid e cursou a licenciatura de Ciencias Económicas na Universidade de Santiago de Compostela. Despois de traballar na fábrica viguesa de Citröen, entrou na Cámara galega en 1981 como único deputado de Esquerda Galega, época na que participou na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia. Tras iso, continuaría no Pazo do Hórreo como parlamentario do BNG.

Pero non só tivo un destacado papel en defensa dos intereses de Galicia dende a Cámara galega. Tamén ostenta o fito de ser o primeiro eurodeputado dunha forza nacionalista galego, o BNG, que chegou ao Parlamento Europeo, concretamente en 1999, onde se fixo famoso polas súas intervencións en 'galego-portugués'.

A homenaxe á traxectoria política de Nogueira reuniu no Auditorio de Galicia de Santiago, ademais dos actuais voceiros parlamentarios e outros actuais membros representantes da Cámara, a numerosos exdeputados como que fose vicepresidente da Xunta polo BNG, Anxo Quintana, os deputados Alfredo Suárez Canal e Pilar García Negro ou Carlos Aymerich, o socialista Francisco Cerviño. Tamén estivo presente a eurodeputada Lidia Senra.

O evento estivo presentado polo escritor Manuel Rivas e a xornalista Fernanda Tabarés, que felicitou a Galicia por saber agradecer a un dos "bos e xenerosos". A el tamén acudiron rostros da universidade, como os profesores Luís Álvarez Pousa ou Miguel Anxo Bastos Boubeta, ademais de sindicalistas como os secretarios xerales da CIG, Suso Seixo, e do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 32 comentarios

6 Failde

Camilo foi moi grande, enorme! O maior intrigador e navalleiro contra o BNG nos anos oitenta, tratando coa súa cuadrilla (Manolo, Tito, Suso...) de afundir o nacionalismo galego organizado, dividindo asociacións e sindicatos, coqueteando co PsoE e co PcE de IU. Un adiantado, mágoa que moitos dos que o aplauden non lembren o pasado recente, e mesmo critiquen o disparate do Beiras sen reparar que o Camilo preparou o camiño! Magnífico até en virar a chaqueta, retorcer a interpretación do presente, todo positivo, marabilloso, para goce dos poderosos do sistema e paus no lombo dos traballadores, total os aforros do Camilo están ben guardados nunha SICAV de Luxemburgo! Enorme impostura, grande falsidade, multitudes de pelotas... todo un figura don Camilo!

1 Leike

Compañeiro: non sigas levitando, baixa á Terra!

2 Eu mesmo

O teu tamén ten solución. Non te rindas

5 SOPITAS Y BUEN VINO

Camilo e a sua peculiar interpretacion da historia.....Non acabara de academico....

1 Montesío

E cal é a túa? A falsa do nacionalismo español?

4 Gamela

Home, chegar a europarlamentario da man de Galeusca (co PNV e CiU) non debe ser moito de esquedas ? Claro que Camilo sempre se moveu ben entre tirios e troyanos... pero ao acto vexo que non acodiron nin Beiras nin Paco Rodríguez ou estaban sentados ao fondo?

1 Eu mesmo

Erras, ou eres moi mozo ou estas mal informado. Camilo foi eurodiputado coa papeleta do BNG, sen coaligazón algunha. Nas seguientes sí que foi na que apontas e polas manobras do PP, por un chisco perdeu a acta. Por certo, Rodríguez colaborou, e ben, no libro. O outro miserable que citas. nin no libro, nin asistiu. Será que os menos de 15 kilómetros de Brión a Compostela son demáis, ou será a envexa dunha coherencia que algúns, finalmente, amosaron non ter...

2 galego

Gamela, eres un mentireiro, no ano 1999 o BNG acadou por si só un eurodeputado con 345.000 votos, Camilo Nogueira foi o digno repesentante do povo galego no Parlamento Europeo. Unha pregunta sr Gamela ??? a que ven o teu odio a Galicia.

3 Gamela

RECTIFICAR é de xustiza... Efectivamente eu só lembraba a segunda candidatura de Camilo (Galeuscat) que favoreceu a CIU en detrimento de Galicia !!! Sinto que a miña memoria sexa tan feble... Gracias pola axuda... e NUNCA NA VIDA odiei a Galicia (só odio a certos "galegos" que empregan a Galicia para "vivir dela" ) ?

3 Bufffff

E logo, hai previsto algún obituario a curto prazo?

1 Asco

Miserable!!!

2 Amigos para siempre

Sabedes se foron Mayor Oreja, Cristobal Montoro, Luis de Grandes, Carmencita Fraga, Alejo Vidal Quadras, Rosa Miguélez, Antolín Sanchez Presedo, Rosa Díaz... todos colegas do eurodeputado do BNG na Sicav de Luxemburgo? Viva a demagoxia e a farsa, igual que os especuladores de Podemos, como Espinar! Que negocio a política dos cargos nos partidos do sistema!

1 Eu mesmo

O teu ten solución, non te rindas!

2 Amigos para siempre

O teu tamén, baixa as calzas e disfruta!

3 A Tahona

E Pacorro renunciou ao Plan de Pensións do Parlamento Español?