A proposta de Vigo de nomear unha nova xestora no PSdeG divide ao partido

Lara Méndez critica que se queira "cambiar unha xestora por outra" e Valentín García Formoso ve unha "equivocación" a proposta de Caballero "obviando o consenso". O PSOE de Ourense sae en apoio de Cancela.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 17/11/2016 | Actualizada ás 19:58

Comparte esta noticia

A decisión do PSOE de Vigo de remitir unha carta a Ferraz para que cambie a actual xestora do PSdeG para substituíla por outra liderada por Carmela Silva volveu dividir ao partido en Galicia. Así, o agora sector crítico criticou duramente esta iniciativa que conta co apoio de parte da provincia de Pontevedra e de Ourense. 

Abel Caballero e Valentín González Formoso nun encontro nas Pontes
Abel Caballero e Valentín González Formoso nun encontro nas Pontes | Fonte: Europa Press

A proposta de Caballero foi moi criticada polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, con quen se reuniu hai uns días para analizar, precisamente, a situación interna dos socialistas galegos sen que se chegara a ningún acordo. Formoso foi moi contundente a este respecto e considerou unha "equivocación" formular unha nova xestora no PSdeG "obviando o consenso".

Preguntado explicitamente se se lle formulara formar parte desta nova xestora, despois que se coñecese que nesta proposta figura o seu nome, recordou que mantivo recentemente unha conversación co alcalde de Vigo, Abel Caballero, pero non quixo dar a coñecer máis detalles da reunión dos que xa expuxo hai uns días manifestando que non é partidario de "cambiar" unha xestora por outra.

Así, unicamente avogou por "modificar a xestora para enriquecela", pero sempre que sexa, segundo matizou, sen cambiar "a súa composición actual", en contraposición á proposta do PSOE de Vigo que formula unha nova xestora presidida pola titular da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. “Respecto esa proposta, pero se equivocan os que dende unha agrupación local a formulan sen consenso", dixo.

Críticas de Lara Méndez

Tamén a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, instou a xestora do PSdeG a establecer o "calendario" para a celebración do congreso co obxectivo de "buscar un liderado claro" no partido, polo que cre que a solución aos problemas internos dos socialistas galegos non pasa por "cambiar unha xestora por outra".

En declaracións aos medios en Santiago tras participar na sinatura dun convenio xunto a outros concellos galegos para unha campaña de concienciación sobre a violencia machista, a rexedora socialista reclamou á actual xestora do PSdeG -presidida por Pilar Cancela- que estableza "prazos" para a celebración dun congreso do que debe saír o novo líder dos socialistas galegos tras meses sen secretario xeral logo da dimisión en marzo de José Ramón Gómez Besteiro.

"Non é o momento de falar de xestoras. Non se trata de quen, senón de cando. O que toca agora é celebrar o congreso para buscar un liderado claro no PSdeG. [...] No trátase de quitar a unha xestora para poñer outra", indicou.

Apoios a Cancela desde Ourense

Sobre o futuro do PSdeG, a dirección do partido na cidade das Burgas apoiou a "continuidade" da actual xestora presidida por Pilar Cancela. Ademais, a dirección do PSOE na cidade de Ourense aprobou "por unanimidade" solicitar á executiva provincial a "reposición" de Ignacio Gómez como voceiro na Deputación e, en consecuencia, pedir a dimisión dos principais responsables do partido na provincia: Raúl Fernández e María Quintas.

A través dun comunicado, o PSOE ourensano incidiu en que o relevo de Gómez por Francisco Fraga, o exalcalde de Piñor, só responde a unha "decisión persoal" do secretario provincial e é por iso que pide a súa marcha.

Ao fío diso, mostrou o seu "recoñecemento" á deputada por Ourense no Congreso, Rocío de Frutos, por romper a disciplina de voto "en sintonía co acordado por esta agrupación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta