Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 30/11/2016 | Actualizada ás 15:50
O equipo arqueolóxico da Deputación de Pontevedra encargado da escavación na Lanzada atopou un puñal que podería datar do século IV antes de Cristo. Os expertos consideran que a súa antigüidade pode oscilar entre a Idade de Ferro e a Idade de Bronce.
Os especialistas aseguran que a situación do puñal "é unha novidade", por atoparse nun espazo alleo ás residencias. De feito, o persoal que traballa no depósito cre que o puñal, que apareceu xunto con artefactos do século II antes de Cristo "malia que é moi anterior" a esa etapa, é "unha especie de reliquia que quizais se situou nese espazo concreto por unha cuestión votiva".
Neste depósito fóronse atopando numerosos vestixios, entre os que destacan 15 esqueletos, broches para suxeitar a roupa e gravados. Ante a "grande cantidade" de pezas atopadas, os arqueólogos cren que este asentamento tiña unha orientación comercial.
Debido aos materiais que están a aparecer "a diario" neste lugar, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, confirmou que os traballos no campo da Lanzada "continuarán ata o mes de xaneiro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.