SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2016 | Actualizada ás 20:11 por EUROPA PRESS
O secretario de Organización de Podemos, Pablo Echenique, recalará este venres en Santiago de Compostela no marco da ruta denominada 'Atarse os cordóns' e que serve de preparación para a asemblea coñecida como Vistalegre II da formación morada.
No acto, que se celebrará ás 18,00 horas na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC), tamén estará a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos.
Echenique comezou a ruta a finais do mes de novembro en La Rioja e Navarra, lugar onde apostou por que a formación morada saia da súa segunda asemblea "máis descentralizada", xa que considera que o modelo actual, despois de tres anos de percorrido, "ten muchísimo menos sentido".
Ademais, tamén é partidario de dar máis protagonismo aos círculos de base de Podemos e, neste sentido, decidiu percorrer a xeografía española para elaborar un 'banco de ideas' no que se inclúan as propostas das bases.
Coa idea de "construír o Podemos da nova época entre todos e todas", Echenique considerou imprescindible esta ruta para recoller a "diversidade" e que esta quede plasmada na formación política que saia da asemblea.
Nesta liña, tamén a secretaria xeral de Podemos Galicia é da opinión de dar protagonismo ás bases e círculos e, despois de que a formación en Andalucía decidise dar o paso de constituirse como autónoma, indicou que é un debate que o resto de territorios tamén terán que dar despois de Vistalegre II.
"TERRITORIO ESPECIALMENTE IMPORTANTE"
"Galicia é un territorio especialmente importante para Podemos porque é unha das nacións do Estado", manifestou, en declaracións a Europa Press, Carmen Santos, quen destacou o feito de que Echenique se pare na Comunidade galega para que recoller todas as "sensibilidades".
Á marxe deste debate, queda tamén por resolver en Galicia o encaixe de Podemos co partido instrumental En Marea, que é de adscrición individual e non contempla -polo menos por agora- a adhesión de formacións políticas como tal. De feito, a formación política de confluencia tamén ten pendente a súa asemblea, a primeira despois da constituínte do mes de xullo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.