“Se non baixan as peaxes, que máis nos dá quen xestione a autopista”

O anuncio de que o Estado compartirá coa Xunta as decisións importantes sobre a xestión da AP-9 está a suscitar críticas en case todos os sectores políticos. Para moitos, a creación dunha comisión bilateral sen que Galicia sexa o titular da estrada, e polo tanto poida decidir por si soa asuntos como o prezo, resulta insuficiente.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/12/2016 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

Caballero reclama tamén que “rapidamente se fagan os accesos dende a Avenida de Bos Aires”. Ademais, quere un “plan de choque” cando hai accidente en Rande. E é que, malia que os condutores pasen atrapados varias horas, Audasa segue a cobrarlles a peaxe. Igualiño que sucede, por exemplo, nos frecuentes embotellamentos durante o retorno das praias no verán.

O político socialista vai máis alá e pide a transferencia do tramo da AP-9 que circula polo núcleo urbano de Vigo.  Neste sentido, cómpre lembrar que o Parlamento Galego reclamou a transferencia á Xunta por unanimidade pouco antes de que Alberto Nuñez Feijóo presentase este luns o acordo para a xestión compartida como unha gran vitoria.

De seguido producíronse as críticas. Por exemplo, o alcalde de Lalín, Rafa Cuíña, de Compromiso por Galicia, tirou de retranca ao escribir “Galicia sen AVE, sen traspaso da AP-9 e da AP-53, e sen proxectos de PEMEX Vota PP”. Dende a Marea Atlántica, a coalición que goberna a cidade da Coruña, interprétase que “a petición unánime do Parlamento de Galicia vai ao lixo”.

Para Luís Villares, voceiro de En Marea, “Feijoo compórtase como o Delegado do Goberno en Galicia, non coma o Presidente de Galicia”. Dende o BNG vese inútil o pactado. “Para vir dicir que da ap9 nanai e que o AVE "algún día" o ministro ben podía ter collido ponte de feriado”, escribiu a deputada Noa Presas tras a noticia coñecida este luns. O Bloque interpreta que “Feijóo dá un paso atrás e rompe a unidade das forzas políticas aceptando o veto á transferencia da AP-9”.

Audasa, a empresa privada que xestiona a autopista pública, ten a concesión até 2048. Nos seus programas electorais, todos os partidos con representación na cámara levaban reclamar o traspaso da titularidade ao Ministerio de Fomento. O Estado négase argumentado que esa estrada é parte da rede ministerial debido a súa importancia.

Argumentación de Feijóo

No tocante á xestión da autoestrada do Atlántico, o responsable do Executivo autonómico ten, como era de agardar, unha visión diferente. Feijóo pon en valor a decisión de crear unha comisión bilateral Goberno central-Comunidade Autónoma para compartir todas as decisións de xestión da AP-9. E promete que as primeiras decisións de xestión que se compartirán son a confirmación de que os accesos á Cidade da Cultura estarán nos presupostos de 2017 e de que as bonificacións das peaxes na Barcala e na Ponte de Rande serán financiadas integramente pola Administración central.

“Sobre a autoestrada do Atlántico avanzamos máis ca nunca, porque por primeira vez o Goberno de España acepta que as decisións da autoestrada que afectan a Galicia se teñan que consensuar coa Comunidade”, asegurou o luns o titular da Xunta.

Diante disto, Feijóo comprometeu que a Comunidade poderá investir os 6 millóns de euros anuais que destinaba ás bonificacións destas peaxes a seguir mellorando as infraestruturas viarias en Galicia, “moi especialmente á autovía do Morrazo”. Se ben, recoñeceu que o Executivo autonómico seguirá formulando a transferencia da titularidade da AP-9 “e, por suposto, o Ministerio de Fomento, no contexto da política nacional, irá valorando esa proposta”. “O ministro é perfectamente consciente de que hai unanimidade política en Galicia en relación coa solicitude do traspaso da titularidade da autoestrada á Comunidade. Pero tamén é consciente de que esa demanda obedece a uns problemas de xestións que na nosa opinión veñen existindo desde hai moito tempo coa autoestrada do Atlántico”, abundou.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna | Fonte: Conchi Paz.

Atasco polo tráfico de coches na autoestrada AP9 ao seu paso pola ponte de Rande
Atasco polo tráfico de coches na autoestrada AP9 ao seu paso pola ponte de Rande | Fonte: EP
Sinal da peaxe na AP-9 en castelán e inglés
Sinal da peaxe na AP-9 en castelán e inglés | Fonte: A Mesa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 amoxegador

Seria possitivo que a autoestrada dependesse da Junta da Galiza, porque o correspondente departamento autonómico sempre teria informação de primeira mão, -Madrid fica muito longe para conhecer o dia-a-dia do que se passa na autoestrada-. Assim a Junta poderia exigir melhoras e responsabilidades e inclusso sancionar à empresa concessionária polos seus incumprimentos. Ainda que não se conseguisse a eliminação das portagens, sería possitivo para os usuários.