Geotech, primeiro representante galego no comité AENOR de drons

A Asociación Española de Normalización y Certificación confirma a admisión do grupo de investigación da Universidade de Vigo no seu subcomité de Normalización Vehículos Aéreos non Tripulados.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 18/01/2017 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

A Asociación Española de Normalización y Certificación, AENOR, vén de confirmar a admisión do grupo de investigación Geotech da Universidade de Vigo no seu subcomité de Normalización AEN/CTN28/SC2 de Sistemas Aéreos non Tripulados (UAS), pertencente ao Comité de Normalización de Materiales Aeroespaciais.

Pedro Arias e Higinio González, do grupo Geotech da Universidade de Vigo, adscrito ao Centro de Innovación Aeroespacial, Cinae
Pedro Arias e Higinio González, do grupo Geotech da Universidade de Vigo, adscrito ao Centro de Innovación Aeroespacial, Cinae | Fonte: UVigo.

O subcomité, que iniciou a súa andaina a finais do ano 2016, encargarase de definir a lexislación estatal sobre requisitos de produto aplicables aos UAS, un proceso que na actualidade todos o países europeos están a desenvolver en tres ámbitos: categoría certificada para sistemas considerados de alto risco e con principios similares aos da aviación tripulada; categoría específica, para sistemas considerados de risco aumentado e para os que será necesaria acreditación, manual de operacións e cualificación do piloto e categoría aberta, para os sistemas considerados de baixo risco, onde só se establecerán limitacións operacionais.

“Seremos coñecedores de primeira man da normativa en UAS a nivel nacional. Abriranos portas para a colaboración coas empresas do sector, realización posterior de proxectos de transferencia de tecnoloxía e daranos representatividade a nivel nacional no sector, onde están outros institutos e centros tecnolóxicos do sector, como o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), o Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales (CATEC) ou o Centro de Tecnologías Aeronáuticas (CTA)”, explica Higinio González, que xunto a Pedro Arias — ambos docentes e investigadores de Geotech— representarán á Universidade de Vigo no subcomité de AENOR, do que tamén forman parte o Ministerio de Industria, Energía y Turismo e a Universidad Politécnica de Madrid.

A universidade viguesa convértese deste xeito na primeira institución galega integrada neste subcomité que definirá, entre outros requisitos aplicables aos sistemas aéreos non tripulados, a necesidade de incluír sistemas tipo sense&avoid que detectan e evitan obstáculos, a necesidade de incorporar paracaídas de seguridade, aplicación de normativa radioeléctrica, etc. 

Os investigadores inciden na importancia da normalización, como un elemento fundamental para incrementar a competitividade das empresas, “xa que as normas internacionais son documentos aceptados que contribúen ao acceso ou peche de mercados, ofrecendo garantías de calidade e seguridade dos produtos que cobren”.

Neste sentido, ambos os dous integrantes de Geotech sinalan a importancia que para España e Galicia ten participar neste proceso e que as súas empresas estean en disposición de competir nun mercado como o das UAS, que segundo un informe da consultora PwC pode xerar un negocio de máis de 127.000 millóns de dólares e no que máis da metade se centrará en aplicacións orientadas á xestión de infraestruturas e á agricultura de precisión.

GEOTECH

Geotech é un laboratorio adscrito ao Centro de Innovación Aeroespacial, Cinae, e encárgase de liderar esta temática no centro. “Isto fai que debamos estar na vangarda o sector. Deste comité sairán normas que a industria nacional terá que adoptar e nós seremos coñecedores das mesmas e poderemos colaborar co tecido produtivo na súa adaptación”, explican González e Arias.

O grupo comezou no ano 2010 a traballar con UAS e ten experiencia investigadora, docente, en operación de equipos e neste intre están a impulsar desde Cinae unha liña de actividade centrada nesta temática, informa a UVigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta