Temas: XUNTA

Albor: “Vexo a culminación do soño autonómico que se iniciou hai agora 35 anos”

Gerardo Fernández Albor recibiu unha homenaxe este sábado no Parlamento galego con motivo do 35 aniversario da súa toma de posesión como titular da Xunta. O primeiro presidente galego da nova era democrática eloxia o labor de Alberto Núñez Feijóo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2017 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

Gerardo Fernández Albor recibiu unha homenaxe este sábado no Parlamento galego con motivo do 35 aniversario da súa toma de posesión como presidente da Xunta de Galicia, que se celebrou o 21 de xaneiro de 1982 no convento de San Domingos de Bonaval da capital galega. O acto, celebrado no Salón dos Reis da Cámara galega, tamén serviu para conmemorar os 35 anos da constitución do Parlamento galego, efeméride que tivo lugar o pasado 19 de decembro. O expresidente Albor non puido acudir ao acto, aínda que mostrou a súa gratitude polo recordo á súa figura a través dun video.

Gerardo Fernández Albor  e Alberto Núñez Feijóo
Gerardo Fernández Albor e Alberto Núñez Feijóo | Fonte: @FeijooGalicia.

Así, a homenaxe contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a presidenta do Congreso, Ana Pastor, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, así como os voceiros parlamentarios de PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e En Marea, Luís Villares, entre outras personalidades. Pola súa banda, o BNG non contou con representación no acto.

Así mesmo, representantes dos grupos parlamentarios da I Lexislatura (1981-1985) tamén interviñeron no Pazo do Hórreo. Deste modo, figuras da política galega como Camilo Nogueira (Esquerda Galega), Xerardo Estévez (PSOE), Aurelio Mirás Portugal (UCD) e Tomás Pérez Vidal (AP) recordaron os primeiros pasos da Cámara galega.

DISCURSO DE ALBOR

A través dun video proxectado tras as intervencións dos deputados do primeiro Parlamento galego --a sede da cal foi o Pazo de Xelmírez, para logo ser trasladado á súa situación actual-- , Gerardo Fernández Albor agradeceu o xesto e mostrou o seu "orgullo" polo "momento político" de Galicia.

"Sento un lexítimo orgullo cando contemplo o noso momento político e vexo o traballo honesto e cabal de Alberto Núñez Feijóo á fronte do Goberno galego. A miña valoración non ten que ver só cunha cuestión partidista, senón que vexo nel a culminación do soño autonómico que se iniciou hai agora 35 anos", manifestou Albor.

Así, tras emprazar a que "vostedes xulgarán o traballo realizado naquela época", indicou que "nada" do "logrado" neses anos "sería posible sen o pobo galego, a súa constancia, o seu traballo e o seu sentidiño", xa que son os cidadáns os autores desta Galicia "cordial".

LABOR "IMPRESCINDIBLE"

O actual titular do Goberno galego Alberto Núñez Feijóo, destacou o labor "imprescindible" realizado por Gerardo Fernádez Albor nunha época de "autogoberno precario" na que "carecía de precedentes dos que se guiar" na súa tarefa á fronte da Xunta.

Deste modo, enxalzou a "épica da normalidade" levada a cabo por Albor a través dun "mantra que repetía a miúdo: o 'sentidiño'", filosofía na que confluían o seu "xeito de ser", a bagaxe do "galeguismo histórico" e "o sentido común que sustentan as democracias".

Para Feijóo, Albor é o "máximo expoñente" da "xeración de 'bos e xenerosos'" que conseguiu facer da "autonomía" o "fogar de todos" e, por conseguinte, trasladar o "sentido democrático de Galicia" ás institucións.

"A autonomía é o sistema idóneo para Galicia e para a súa convivencia cos demais pobos de España. Hai que dicilo nesta efeméride, nun momento no que o Estado autonómico volve sufrir opinións diversas,", manifestou o presidente galego.

ETAPA DE "ILUSIÓN E COMPROMISO"

Na súa intervención, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, recordou os inicios da Cámara galega, "uns tempos nos que a precaridade de medios materiais se vía sobradamente compensada pola ilusión e o compromiso autonomista dos 71 deputados e deputadas que debutaban naquela estanza románica de Xelmírez".

Tras isto, e logo de agradecer a tarefa daqueles "fundadores", lamentou que esa etapa de inicio da autonomía conte "cun relativo descoñecemento" por parte da sociedade que "podería facer supoñer que Galicia contou dende sempre coas súas propias institucións, ignorando que son o resultado dun larguísimo camiño".

Tamén tivo palabras de agradecemento e recordo á figura do primeiro presidente do Parlamento, Antonio Rosón; para logo indicar que "conmemorar ao mesmo tempo" o aniversario da Cámara galega e da investidura de Albor "non é unha decisión casual", xa que supón "poñer en valor o seu papel determinante na estrutura institucional de Galicia".

"O presidente Albor asumiu a tarefa de impulsar o autogoberno de Galicia practicamente dende a nada", asegurou Santalices, quen cre que este traballo tivo resultados "visibles" en pouco tempo malia "as limitacións daquel tempo" e da "desconfianza ou da indiferenza que aquela empresa suscitaba".

Temas: XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Parada do Sil

Camilo Nogueira no BNG é unha vergoña! Xa o di outro por aqui, até onde temos que aturar un danzarino? Non entendo como Bautista, Lois e Cláudio fican calados! Non contento o raposo con tratar de pillar votos no 1981 do BNPG-PSG, por non xurar a constitución herdada do franquismo, agora, militando no BNG, vai e preséntase en nome de EG. Ridículo, patético e igual de mal intencionado o figura: para o que lle convén vai por libre!

4 Gamela

Vexo Vigo, vexo Cangas tamén vexo Redondelaaaaaaaaa ... mentres tanto no Parlamento de Galicia durme unha Iniciativa Lexislativa Popular que podería resolver a Pobreza Enerxética de moita xente no país... mais eles teñen calefacción! http://www.parlamentodegalicia.es/s... Pediríavos REBENTAR a comentarios esta ILP a ver se se decatan dunha p... vez que os soldos que cobran son para TRABALLAR pola XENTE e non para andar de Congresos ou visitar FITUR ou facer Homenaxes...

3 a culminación de que?

a culminación da colonización e roubo da nosa terra, será mais ben

2 Razamondelle

Moi ben polo BNG, en parte... O BNG decidiu non participar na farsa, pois era unha homenaxe ao Partido Podre/AP/Albor (o vello honorable que expulsou do parlamento de xeito retroactivo aos 3 deputados do Bloque) . Só que hai unha ovella preta, falsa, virachaqueta... que pola súa conta foi á festa do PP. O de sempre: Camilo Nogueira! O da Sicav de Luxemburgo, o que asistía as festas da monarquía borbónica no Hostal dos Reis Católicos, o que propuxo a vergoñenta traída dos restos de Castelao, o que se aliou con PCE/IU para acabar co BNG, e que aínda hai quen honra... Con xente así dentro, fóra estase mellor! Impresentable, totalmente impresentable!

1 Autoanemia

Xa o dicía Pondal: "esperta do teu _sono_", fogar de Breogán.