Traducida por primeira vez ao galego a obra poética infantil de Stevenson, autor de ‘A illa do tesouro’

Celia Vázquez, profesora da Universidade de Vigo, publica un libro en versión inglesa e galega cos poemas de 'A Child’s Garden of Verses' (1895).

Por Galicia Confidencial | Vigo | 24/01/2017 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

Celia Vázquez, crítica literaria e profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, acaba de publicar Stevenson e a tenrura da súa poesía infantil, un libro no que recolle, en versión inglesa e galega, os poemas de A Child’s Garden of Verses (1895), obra na que o escritor escocés Robert L. Stevenson —autor do libro universal A Illa do Tesouro— reuniu o conxunto das súas poesías infantís. “Quixen rescatar a poesía que escribiu para nenos, que nin sequera está traducida na súa totalidade ao castelán”, explica Vázquez, para quen a figura de Stevenson é moi interesante dende o punto de vista biográfico.

Celia Vázquez traduce por primeira vez ao galego a obra poética infantil de Stevenson, autor de 'A illa do tesouro'
Celia Vázquez traduce por primeira vez ao galego a obra poética infantil de Stevenson, autor de 'A illa do tesouro' | Fonte: UVigo.

Con A illa do tesouro (1883), Stevenson converteuse nun autor universal, pero o éxito das súas novelas relegou a un segundo plano a súa obra poética. Agora, o libro de Vázquez recupera a obra poética do escocés por primeira vez en galego, nun volume que non é só un conxunto de poemas bilingües, senón que inclúe varios capítulos introdutorios onde se examinan polo miúdo aspectos biográficos do artista e a súa bibliografía, e sobre como a propia Celia Vázquez afrontou a tarefa da tradución, tendo así unha dobre lectura para nenos e para adultos. “Non podía deixar pasar esta oportunidade de mostrar como Stevenson plasma nos versos o modo que teñen os nenos de concibir o mundo”, subliña a autora da obra. 

A Child’s Garden of Verses é unha das obras do escritor Robert L. Stevenson menos coñecidas polo público de fala non inglesa, ao igual que a maioría das súas creacións poéticas e os seus ensaios. “Estamos ante unha poesía fascinante que xorde dun poeta con alma de neno, unha poesía soñadora e marabillosa”, relata Celia Vázquez, que explica que ao final o libro pasou a ser algo máis que unha sinxela tradución, “pois a miña condición de profesora e investigadora sempre me leva máis lonxe”, explica a autora.

Esta edición bilingüe ve a luz da man do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo e supón a primeira aportación de Celia Vázquez logo de prexubilarse da docencia, aínda que mantén vinculación coa UVigo, a que dirixe varias teses de doutoramento e imparte clases nun mestrado. Inmersa na tarefa da escritura e publicada xa esta obra, Vázquez prepara agora unha colaboración para unha biografía sobre o novelista Tom Sharpe e pensa xa en novas publicacións.

A presentación oficial e formal do libro aínda non tivo lugar, comenta Vázquez, “pero a miña idea é que se faga nalgunha libraría e convidar a todas aquelas persoas interesadas na literatura infantil e na figura de R.L. Stevenson”, confirma a autora nunha información facilitada pola Universidade de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Montesío

Noraboa Celia! Grazas Universidade de Vigo por polos medios aos vosos investigadores.

1 Bufffff

"Esta edición bilingüe ve a luz da man do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo". Queremos galego subvencionado...

1 Bafffff

Queremos payasos fuera! Iros tú y Feijoo a subvencionar a La Voz de Galicia con 1.800.000€ anuales. Esto es cultura, mientras que eso que se hace llamar periódico no es mas que desinformación!