Temas: COMISIóNS

Es quen de facer a proba das oposicións a auxiliar da Xunta?

As oposicións da Xunta de Galicia volven a ser foco de polémica por segunda vez nunha semana. Tras coñecerse que a Xustiza tombou parte da proba de delineante, agora Comisión Obreiras arremete contra o recente e polémico exame de informática para aspirantes a funcionarios do grupo C2, auxiliares administrativos.

Por M.V. | Santiago de Compostela | 27/01/2017 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

Ningún dos 406 opositores foi quen de responder todas as preguntas. O sindicato denuncia que o 83% suspendeu, e iso que o tribunal baixou o baremo para aprobar. Para lograr o ansiado cinco só había que contestar ben 9 de 20 preguntas.

José María Barreiro Díaz, director xeral da Función Pública e presidente en funcións do PP na Coruña
José María Barreiro Díaz, director xeral da Función Pública e presidente en funcións do PP na Coruña

Ten razón ao sindicato ao denunciar que o exame de informática non se correspondía ao nivel desta oposición de auxiliar administrativo? 

GC pediu a Consellería de Facenda unha valoración das críticas de Comisións Obreiras, pero a Xunta non se pronunciou sobre este asunto polo agora. A Dirección Xeral de Función Pública garda silencio sobre este asunto, como tamén cala sobre a anulación do exame de delineante. 

Un análise cuantitativo das notas publicadas dálle solidez á denuncia sindical. O 71% dos estudantes sacou menos dun 4, é dicir, responderon ben menos de 8 de 20 preguntas. De máis de 400 candidatos, só catro responderon ben máis de 12. Unicamente unha persoa foi quen de responder ben 13 de 20 cuestións.

Na análise cualitativa das preguntas sorprende a introdución de conceptos complexos, non pola súa dificultade intrínseca, senón polo tempo que os aspirantes tiñan para solventar cada pregunta, unicamente dous minutos. 

Representación gráfica da sucesión de Fibonacci mediante arcos
Representación gráfica da sucesión de Fibonacci mediante arcos | Fonte: wikimedia

En 120 segundos os opositores debían asimilar a información dos cálculos que hai detrás, por exemplo, do que é unha sucesión matemática de Fibonacci ou como se calcula a letra do DNI. Conceptos que non formaban parte do temario, que en teoría era o uso dos programas Microsoft Word, Microsoft Excell e os seus equivalentes de software libre Libre Office. Posteriormente,debían realizar cálculos para escoller entre catro opcións posíbeis. 

A denuncia de Comisións fai énfase nisto. “O tempo estipulado para responder as preguntas —dous minutos para cada unha— era insuficiente para a elevada dificultade das cuestións formuladas”, argumenta.  De feito, ningún dos máis de 400 aspirantes foi quen de responder todas as cuestións, sempre deixaron algunha en branco.

O sindicato reclama a anulación da proba ao entender que “non se axustaba nin ao grupo profesional nin ao contido do programa”. Na petición de anulación da proba a central presentada en Rexistro argumenta que “o exercicio está máis pensado para programadores de informática que para auxiliares administrativos” e que “a proba de informática estase a converter nun xogo de habilidade máis que nunhas demostración de preparación dos programas que se requiren na convocatoria”.   

Unha queixa que tamén se pode atopar en moitos foros de opositores, por exemplo neste da Academia Adams. 

Comisións dá a entender que o asunto podería acabar nos tribunais. A Xustiza tirou en reiteradas ocasións previas probas das oposicións da Xunta. Estes son algúns exemplos recentes:

O TSXG atopa graves anomalías  nas oposicións do grupo A1

 

A Xustiza chimpa a oposición de delineantes da Xunta

 

A Xunta retira o temario do proceso selectivo de Gardacostas denunciado polo CSI-F

Temas: COMISIóNS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta