Santiago acollerá o 27 de maio un desfile de Star Wars para celebrar o 40 aniversario da primeira película da saga

Haberá unha homenaxe á actriz Carrie Fisher, que interpretou a princesa Leia, e espérase que participe algún actor da saga

Santiago de Compostela | 31/01/2017 | Actualizada ás 14:31 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O próximo 27 de maio Santiago de Compostela acollerá un desfile de Star Wars para celebrar o 40 aniversario da estrea da primeira película da saga creada por George Lucas, 'Unha nova esperanza'. O evento desenvolverase polas rúas compostelanas e rematará na Praza do Obradoiro.

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, acompañada polos representantes da Tropa Korriban, Manuel Ángel Gayoso e Andrés Torreiro, presentaron este martes o desfile dos Imperial Stormtroopers, tamén coñecidos como Soldados Imperiais, e confirmaron que o evento homenaxeará á actriz que interpretou o personaxe da princesa Leia, Carrie Fisher, falecida o pasado 27 de decembro.

Ademais, os representantes da Tropa Korriban, asociación sen ánimo de lucro que organiza este acto, informaron que "están en contacto" con actores da primeira triloxía para que participen no evento. En concreto, aseguraron ter un xa confirmado. Aínda que non desvelaron de quen se trata, si deixaron claro que non será Harrison Ford.

Con motivo desta conmemoración, a Tropa Korriban convocou as asociacións de fans de Star Wars, tanto de España coma doutros países. Para participar no desfile, segundo explicou Torreiro, só é necesario ter un disfrace --que pode ser de calquera personaxe da saga ou do universo expandido-- e encher un formulario de contacto na páxina web da asociación (www.imperialstormtroopers.es/).

Esta será a terceira vez que se organiza un acto deste tipo na capital galega, a primeira ocasión foi en maio de 2010, con motivo do 30 aniversario da estrea do 'Imperio contrataca. Segundo indicou a concelleira de Turismo, aquel evento foi un "éxito" e contou con máis de 20.000 asistentes.

MANTER O ÉXITO DE EDICIÓNS ANTERIORES

A raíz deste primeiro evento creouse a Tropa Korriban, asociación de fans de Star Wars en Galicia, que participou en multitude de eventos arredor da saga de ciencia ficción e en 2013 organizou o segundo desfile en Santiago, neste caso con motivo do 30 aniversario do 'retorno do Jedi'.

O responsable da Tropa Korriban afirmou que este ano esperan "polo menos" manter o éxito das edicións anteriores, confían en que haxa máis de 300 persoas no desfile e outras 20.000 no público. Pola súa banda, Marta Lois destacou que se trata "non só dun evento lúdico" senón que "move a moitas persoas" e ten un impacto "moi importante" na cidade.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta