SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2017 | Actualizada ás 15:05 por EUROPA PRESS
O Concello de Santiago e a Asociación Músicos ao Vivo lanzaron a iniciativa 'Compostela é música', que pretende converterse en "un punto de encontro" para os músicos da capital galega, así como nun catálogo a disposición de artistas e promotores culturais.
Este xoves tivo lugar a presentación do programa coa presenza do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e dos membros da Asociación Músicos ao Vivo Xavier Mera, Xacobe Martínez Antelo e Nastasia Zürcher.
Así, 'Compostela é música' converterase nun "censo" para "mapear a cultura viva e os proxectos musicais" que servirá tamén para crear "sinerxías entre os músicos" e "visibilizar e proxectar" a oferta cultural que se crea en Santiago.
Así mesmo, a iniciativa contará cunha "plataforma online" destinada a actuar como "catálogo" para "programadores culturais", tanto públicos como privados.
O prazo de inscrición no programa iníciase o próxima 15 de febreiro, permanecerá aberto durante un mes e está destinado a aqueles músicos "profesionais" que desenvolvan a súa actividade en Santiago, que residan na capital galega e que, polo menos, un dos seus membros sexa membro da asociación que o impulsa.
APOIO MUNICIPAL
Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asegurou que o apoio aos artistas é unha "prioridade" para o goberno local, xa que hai un "potencial" musical que "é recoñecido noutros lugares e non tanto na propia cidade".
Deste xeito, resaltou que os músicos que operan na cidade son "un recurso co que hai que contar", como "no ciclo de música a pé de rúa" que formou parte da programación das pasadas festas do Apóstolo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.