Moción de confianza na Coruña este sábado

Rachan, parece que definitivamente, as negociacións entre a marea e o PSOE. O alcalde acusa aos socialistas de ser incapaces de garantir unha posición estábel, porque o seu partido carece desa estabilidade. "Non podemos asinar un papel en branco", di o presidente da xestora local antes do pleno deste sábado. Vídeo da conferencia de prensa de Ferreiro no interior.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 03/02/2017 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

Marea Atlántica e PSOE romperon as negociacións das últimas horas para evitar o pleno da cuestión de confianza, vinculado á aprobación dos orzamentos, convocado polo alcalde herculino, Xulio Ferreiro, ao non materializarse nun acordo o achegamento que se produciu a finais da semana pasada.

Grupo de goberno da Coruña en rolda de prensa
Grupo de goberno da Coruña en rolda de prensa

Polo tanto, mañá sábado, ás 12.30, celebrarase no Pazo de María Pita o pleno para aprobar os orzamentos, vinculados a unha cuestión de confianza.

SEN ACORDO A ÚLTIMA HORA

Para explicar a situación política, o alcalde afirmou que “estamos condenados a entendernos co PSOE, pero neste momento non poden garantir un mínimo de estabilidade, basicamente porque non poden garantirnos a nós nin á cidade o que non poden garantir para si mesmos”.

Non foi posible o acordo, a pesar de que a negociación seguiu até hoxe.. En senllas roldas de prensa, ambas as formacións ratificaron a decisión que o alcalde vinculou cunha actitude de "deslealdade" por parte do grupo municipal socialista. En opinión de Ferreiro, o PSOE non quixo o entendemento nas cuestións máis básicas.

Desde as filas socialistas, relacionouse a falta dun acordo coas esixencias impostas por parte das bases da Marea Atlántica. Neste punto, ambas as partes discreparon tamén.

Así, segundo os socialistas, a Marea introduciu nas reunións deste xoves e venres o debate sobre asuntos como a área metropolitana, un plan de mobilidade e as actuacións na fachada marítima.

Con todo, o alcalde argumentou que estas cuestións foron incorporadas polos socialistas "na discusión".

En concreto, precisou que se expuxeron xa nas reunións celebradas a semana pasada, para tentar chegar a un acordo sobre a aprobación das contas para este ano, pero que quedaron pendentes de debate. "Eses asuntos ían no seu documento", recalcou.

GARANTIR A ESTABILIDADE

Ademais, insistiu en que, para a Marea Atlántica, "o escollo básico era garantir a estabilidade".

"Ir xuntos máis aló do orzamento", explicou recoñecendo que a súa formulación pasaba polo apoio en cuestións como a área metropolitana ou "á defensa da titularidade, xestión e iniciativa pública dos terreos do Estado no porto".

Ferreiro, que compareceu xunto aos demais membros do executivo local, apelou tamén á "xenerosidade" por parte da Marea nestas reunións, pero insistiu en que houbo, por parte do PSOE, unha formulación de "deslealdade".

"Confirmado hoxe cando non asume ningún tipo de compromiso co goberno municipal, tentando estar a gobernar na xestión de proxectos e por outro estar na oposición", apuntou.

"BANCO DE PROBAS"

O rexedor coruñés admitiu que o seu grupo e os socialistas están "condenados a entenderse", pero recalcou que o PSOE non pode "garantir para a cidade o que poden ter para eles mesmos", en alusión ás dimisións nas filas socialistas que levaron á constitución dunha xestora local.

Tamén expresou a súa confianza en que non se use A Coruña "como banco de probas para novos experimentos políticos", engadiu ante o escenario que se abre no caso de que non obteñan o respaldo aos orzamentos xa que a oposición tería a posibilidade de presentar unha moción de censura.

O alcalde subliñou, no entanto, a posición do presidente da xestora socialista, Florencio Cardador. Del, dixo que "demostrou capacidade de diálogo", aínda que, a colación, lamentou que este espírito non sexa "maioritario no PSOE".

POSICIONAMENTO DO PSOE

Nunha comparecencia minutos antes da do alcalde, o propio Cardador e o concelleiro José Manuel García deron por "interrompidas" as negociacións e culparon diso á inclusión doutras propostas por parte da Marea, á marxe dos orzamentos e a cogestión dalgúns proxectos.

"Non entendemos por que se incorporaron elementos novos", indicou García, quen manifestou que estarían dispostos "a retomar" o principio de acordo alcanzado o mércores.

Ademais, asegurou que a postura do PSOE pasaba por deixar, para un debate posterior e nunha comisión política, os asuntos para os que a Marea reclamaba apoio.

Pola súa banda, preguntados sobre o seu posicionamento no pleno deste sábado, Cardador dixo que a decisión corresponde ao grupo municipal socialista. Antes, García instou ao alcalde a "aprazar ou suspender" o pleno deste sábado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Paco Vázquez

Telo fodido , co único voto do BNG non che vale, Noriega descansa tranquilo, pero na Coruña albiscase un goberno do PPSoe.