Adeus ao soño celeste

O Celta perde 1-0 co Alavés cun gol encaixado no minuto 82 e cae eliminado nas semifinais de Copa por segundo ano consecutivo. "Pasáronnos por riba", recoñeceu Jonny. O domingo, Liga co Atleti no Calderón.

Por gcdeportes | Vigo | 08/02/2017 | Actualizada ás 23:36

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Deportivo Alavés 1:
Pacheco; Kiko Femenía, Víctor Laguardia, Zou Feddal, Theo Hernández; Marcos Llorente, Manu García; Camarasa, Ibai Gómez (Vigaray, 87'), Toquero (Edgar Méndez, 78'; Alexis, 91') e Deyverson.
Celta 0: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny; Chelo Díaz (Guidetti, 82'), Radoja, Tucu Hernández; Daniel Wass (rossi, 85'), Theo Bongonda (Pione Sisto, 73') e Iago Aspas.
Goles: 1-0: Edgar Méndez (minuto 82).
Árbitro: Mateu Lahoz (valenciano). Amarelas a Zou Feddal (minuto 38) no Alavés e a Iago Aspas (38') e Chelo Díaz (52') no Celta.
Incidencias: partido de volta das semifinais de Copa no estadio de Mendizorrotza ante 19.300 espectadores.

Non puido ser. O Celta non foi o Celta doutras ocasións, sempre incómodo no campo, superado pola intensidade do rival, e caeu eliminado polo Alavés tras encaixar un gol no minuto 82. Edgar Méndez foi o autor, tras un pase coa testa de Manu García. Decepción e tristura celeste en Mendizorrotza. Por segundo ano consecutivo, o equipo vigués caeu eliminado nas semifinais de Copa, á que chega o Alavés por primeira vez nos seus 92 anos de historia. A cuarta final copeira do Celta terá que agardar.

Deyverson achegouse a saudar á afección celeste ao remate do choque.
Deyverson achegouse a saudar á afección celeste ao remate do choque. | Fonte: lfp.es

"Botáronlle máis huevos. Pasáronnos por riba", recoñeceu Jonny. "O balón estivo sempre no aire", asumiu Berizzo. Case todo o tempo xogouse o partido que o Alavés quería. Xogo directo, sempre buscando a área galega, e o Celta sufrindo para defender os balóns aéreos. Principiaron os vitorianos con moita presión e máis posesión, pero cando apertaba o rival, Iago Aspas tivo un remate na área que Pacheco despexou con dificultades. A mellor ocasión dos locais no primeiro tempo chegou nunha falta de Roncaglia ao bordo da área, que Ibai Gómez rematou preto do traveseiro no 20'. Unha perda de balón e de novo Iago Aspas tentouno dende lonxe cun remate en parábola que se foi fóra por pouco. Era o minuto 26, o Celta igualou a posesión e chegouse ao descanso con moitas interrupcións e sen apenas xogo.

Tralo descanso, medrou a presión dos vitorianos sobre a portaría celeste. O Alavés levaba toda a iniciativa, metía cada oportunidade que tiña á área, e o Celta sufría para defenderse, sen apenas ocasións para sacar o balón controlado. Sergio Álvarez evitou un gol olímpico e lanzou unha contra con perigo para Aspas, anulada por fóra de xogo de Daniel Wass. Pouco máis. Ibai Gómez, con parada de Sergio Álvarez, e Deyverson, cun disparo que se foi alto, tiveron boas opcións para o Alavés, ante un Celta metido atrás e que apenas se achegaba á área rival.

Toto Berizzo vía que o seu equipo sufría e meteu a Pione Sisto por Bongonda. Pero o Alavés non cedía, e obtivo o premio á súa constancia. Manu García adiantouse por alto á defensa celeste e peiteou coa testa para Edgar, que chegou á área e marcou no man a man con Sergio Álvarez. A falla de tan só dez minutos, 1-0 para os vitorianos. Berizzo meteu a Guidetti e Rossi, e o Celta buscou o empate, á desesperada, pero non chegou. Nin con sete minutos de engadido. En 180 minutos de eliminatoria, o Celta foi incapaz de marcarlle un gol ao Alavés. Adeus ao soño celeste da Copa, toca centrarse na Liga (Atleti o domingo no Calderón) e na Europa League.

Aspas tivo a mellor ocasión celeste na primeira parte.
Aspas tivo a mellor ocasión celeste na primeira parte. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Os ricos tamén choran

O Celta xogou a ser o Alavés e o Alavés xogou a ser o Celta. Gañou quén menos mal o fixo. Os meus parabés a esquipa de Araba, moito mais probe e con menos presuposto que Celta.

4 Pelotudos

Para xogar o anti "fúrbó" catenaccio italiano, contratamos a dous filósofos lunfardos coma Burrizzio e o Pelegrino...en fin. Senon pillamos a entrenadores vascos amantes da vella Real e Atletic das duas ligas e copas. Namentras o talento galego, a percurarse a vida a Laponia.

3 Galegos

SEMPRE CELTA¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡ orgullo e tradición, p uto Barca e p uto Madrid, ánimo Alavés.

2 MRCastillo

O plantexamento de Berizzo foi moi conservador e perdimos frescura en ataque. Unha mágoa pero aínda nos queda a UEFA e Liga para seguir compitiendo... HALA CELTA!

1 que se vaia o alcalde

a culpa e do alcalde paspancete.... ALCALDE DIMSIÓN...