Triunfo cómodo do Breo

O Cafés Candelas gaña 65-86 con claridade na súa visita a Huesca e suma a 14ª vitoria tras dúas derrotas. Matt Stainbrook, MVP do partido con 18 puntos, 9 rebotes e 4 asistencias. A vindeira semana, visita a Oviedo.

Por gcdeportes | Lugo | 11/02/2017 | Actualizada ás 00:54

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Magia Huesca 65:
Gintvainis (10), Gantt (12), Jorge Lafuente (0), Albert Fontet (6), Mirza Bulic (4) –cinco inicial- Mikel Motos (19), Portález (0), Pablo Pérez (7), Simovic (7) e Gunjina (0).
CB Breogán 86: Josep Franch (6), Rafa Huertas (12), Salva Arco (8), Gilling (18), Stainbrook (18) –cinco inicial- Fakuade (8), Juan Fernández (6), Sergi Quintela (2) e Iván Cruz (8).
Parciais: 20-22, 11-28 (31-50), 21-17, 13-19 (65-86)
Árbitros: Esperanza Mendoza e Eva Areste. Eliminaron por cinco faltas a Gintvainis.
Incidencias: partido da 23ª xornada da LEB Ouro no pazo municipal dos Deportes de Huesca.

O Breo chegou a Huesca decidido a esquecer as dúas derrotas anteriores e acadou unha vitoria contundente ante un frouxo rival. Agás un 4-2 no comezo, os lucenses foron sempre por diante no marcador. Peñas Huesca aguantou a duras penas un cuarto (20-22), pero os de Natxo Lezcano, máis intensos e moito máis acertados que o rival, abriron oco no segundo cuarto, chegaron a ter 26 puntos de vantaxe e acabaron gañando por 65-86. Despois de caer ante Palencia e Lleida, un Breo sen Geramipoor sumou a 14ª vitoria en Huesca. Matt Stainbrook aportou 18 puntos (os mesmos que Jonathan Gilling), con 9 rebotes e 4 asistencias.

Cos puntos de Gintvainas e Gantt, Huesca aguantaba co marcador igualado (10-10) nos primeiros minutos. Matt Stainbrook sumaba xa oito puntos, e as triplas de Gilling permitiron ao Breo abrir unha pequena fenda (12-20). Pero a entrada de Mikel Motos, autor de 8 puntos consecutivos, permitiu a Peñas chegar 20-22 á fin do primeiro cuarto.

Un parcial de 0-4 obrigou ao tempo morto do técnico local con tan só 70 segundos do segundo acto e 20-26. Pero os lucenses estaban concentrados en defensa, Fakuade anotou seis puntos consecutivos e Breo abriu aínda máis oco (20-32). Arenas pediu un segundo tempo xa con 22-36, pero Matt Stainbrook mandaba na zona e os de Natxo Lezcano ampliaron a vantaxe ata o 31-50 no tempo de lecer.

Matt Stainbrook, MVP do partido con 18 puntos e 9 rebotes.
Matt Stainbrook, MVP do partido con 18 puntos e 9 rebotes. | Fonte: @CBPenasHuesca

Trala reanudación, a diferenza andivo polos 20 puntos ata que Motos (2) e Gintvainas anotaron tres triplas consecutivas. Lezcano parou o partido con 42-56 tras un parcial de 11-2. Simovic anotou outra tripla para poñerse a dez (50-60), pero respostou Rafa Huertas e Breogán mantiña quince de vantaxe a falla de un cuarto (52-67).

Non tivo moita historia o último acto. Peñas só anotou unha canastra en seis minutos e Breogán ampliou a vantaxe ata un contundente 54-80, trala segunda tripla de Rafa Huertas e cos puntos de Matt Stainbrook e Gilling. As triplas de Gantt e Motos permitiron a Huesca maquillar un chisco o resultado. Ao final, 65-86. A vindeira semana, saída complicada a Oviedo, que este venres perdeu o liderado en Lleida (70-68).

O lucense Sergi Quintela, defendido por Gintvainas en Huesca.
O lucense Sergi Quintela, defendido por Gintvainas en Huesca. | Fonte: @CBPenasHuesca
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta