A Xunta mantén a súa confianza nos investigados pola Hepatite C tras unha declaración “contundente”

"Cremos que queda acreditado que a súa actividade estivo baseada en criterios clínicos e que non existiu ningún tipo de atraso na intervención", apunta o xerente do Sergas sobre a imputación de dous altos cargos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2017 | Actualizada ás 16:16

Comparte esta noticia

O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, asegurou que a declaración realizada este mércores en sede xudicial polos dous altos cargos investigados en relación cos tratamentos da Hepatite C, nos que mantén a súa confianza, foi "contundente", e espera que sirva para levar á "resolución deste asunto".

Salustiano Mato, Jesús Vázquez Almuiña e Felix Rubial
Salustiano Mato, Jesús Vázquez Almuiña e Felix Rubial | Fonte: DUVI.

En declaracións a Europa Press, o xerente do Sergas destacou que se detallou "documentalmente" ante o xuíz a actuación dos dous profesionais investigados, que "fixeron unhas declaracións moi contundentes".

"Cremos que queda acreditado que a súa actividade estivo baseada en criterios clínicos e que non existiu ningún tipo de atraso na intervención", dixo Fernández-Campa, que apuntou que todos os casos que se investigan "foron autorizados pola subcomisión" competente e que este organismo traballou "en tempos moi reducidos", cunha media de resposta de 13 días.

De feito, precisou que Galicia autorizou baixo criterios clínicos 1.137 tratamentos solicitados antes da entrada en vigor do Plan Estratéxico do Sistema Nacional de Saúde.

Fernández-Campa reiterou a "total colaboración" do Sergas coa Xustiza, como "desde o primeiro momento", para achegar máis documentación se fose necesaria, aínda que considerou que coa declaración deste mércores "acreditouse que as cousas estiveron ben feitas".

Por iso, o responsable do Sergas confiou en que estes pasos sirvan para "despexar calquera mínima dúbida" e para que se poida chegar a "a resolución deste caso".

APOIO AOS INVESTIGADOS

Do mesmo xeito, reiterou o seu apoio aos dous investigados, Félix Rubial, entón director de Asistencia Sanitaria, e Carolina González-Criado, subdirectora de Farmacia, xa que "non existe ningunha modificación da súa situación".

Así, Fernández-Campa lembrou que o procedemento "continúa aínda en dilixencias previas" e que "non existe ningunha resolución" que impoña medidas "cautelares", polo que ambos "deben seguir prestando a súa actividade no Sergas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta