Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/02/2017 | Actualizada ás 09:00
Os neofalantes poden ser o futuro do galego. Aínda non o son pero, se o galego vai desaparecendo do seu ámbito de uso habitual, a única esperanza para preservar e conservar unha lingua está neses falantes que aínda que non teñen o galego como lingua materna, comezaron a usala, fomentala e defendela como símbolo de identidade da súa cultura.
E a este fenómeno non son alleos os grupos parlamentarios. Este venres era aprobada, cos votos a favor do PP e PSOE e a abstención de En Marea e BNG, unha iniciativa a través da que os populares pedían a posta en marcha, por parte do Goberno galego, de accións orientadas a promover o uso do galego e apoiar que os neofalantes adopten este idioma para comunicarse.
Deste xeito, o Parlamento instou á Xunta a "pór en marcha accións orientadas a mostrar as vantaxes de falar en galego, apoiar aos neofalantes novos que están a pensar ou xa teñen decidido adoptar o galego como lingua de comunicación".
En paralelo, a Cámara sinalou que estas "accións deberán axudar a combater os posibles estereotipos e prexuízos que poidan existir ao redor da intencionalidade ou competencia lingüística de quen empeza a utilizar o idioma propio de Galicia, sen ser esta a súa lingua inicial".
“Dinamizadores” do galego
A iniciativa, defendida polo popular César Fernández Gil, destaca a importancia da incorporación de “neofalantes” ao galego porque “resulta sempre un elemento dinamizador da lingua”. No eido da sociolingüística enténdese por “neofalantes” o conxunto de persoas que se converten en usuarias habituais e, con frecuencia exclusivas, dunha lingua que non foi a súa lingua materna ou familiar.
“A incentivación e protección deste achegamento á lingua galega, debe ser sempre un elemento de gran valor para conseguir unha maior difusión, en todos os ámbitos da sociedade, do uso da lingua galega”, destacou Fernández Gil na defensa da súa iniciativa.
O deputado popular destacou a necesidade de “poñer en valor” o esforzo que realizan os “neofalantes” e darlles visibilidade como un exemplo na difusión do uso do galego e como un estímulo no camiño da normalización e da incorporación de novos falantes de galego.
De feito, lembrou que, en moitas ocasións, o esforzo realizado polos neofalantes non é suficientemente valorado e a proliferación de “neofalantes” provoca tensións nos planos formal e funcional da lingua, “o que require un especial coidado e unha atención pormenorizada dende o ámbito das políticas públicas”.
Por iso, o Grupo Parlamentario Popular sinalou que considera “moi positiva” a posta en valor da figura dos “neofalantes” como vehículo de dinamización do uso da lingua galega. De feito a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta (RDL) xa incide na dinamización do uso do galego na mocidade, con especial atención aos neofalantes, nas tecnoloxías da información e do coñecemento (TIC) e mais na promoción do uso da lingua propia de Galicia no marco da lusofonía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.