Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/03/2017 | Actualizada ás 14:00
Os formularios sobre consentimento informado serven para facilitar o proceso de información ao paciente ante determinadas actuacións clínicas. Estes responden a un desenvolvemento práctico fundamental do principio de autonomía, en relación a potenciar o desenvolvemento efectivo dos dereitos da cidadanía. Co obxectivo de analizar a lexibilidade dos documentos de consentimento informado (DCI) empregados na rede de hospitais públicos de España e verificar a súa intrínseca función de informar de forma comprensible ás persoas en situación de decisión sanitaria, investigadoras da Universidad de Huelva e do Centro de Salud Navarra de Teruel fixeron un estudo descritivo transversal sobre un total de 11.339 consentimentos informados en todas as comunidades autónomas. Os resultados da análise sitúan a Galicia á cola, cos documentos máis difíciles de comprender para os pacientes.
Do total de documentos analizados polos investigadores no estudo 'Análisis global de la legibilidad de los documentos de consentimiento informado utilizados en los hospitales públicos de España',1.617 foron recibidos a través de contacto telefónico e/ou correo electrónico. A lexibilidade destes documentos —todos eles, copias en castelán— analizouse mediante o instrumento Inflesz, un software que calcula nove parámetros útiles para avaliar a lexibilidade dun texto: Palabras, Sílabas, Frases, Media sílabas / palabra, Media palabras / frase, Índice Flesch-Szigriszt, Grao na Escala Inflesz, Correlación Word e Fórmula de Flesch-Fernández Huerta. Mediante mostraxe aleatoria simple obtivéronse os índices de lexibilidade: escala Inflesz e índice de Flesch-Szigriszt.
RESULTADOS
As investigadoras comprobaron que o 62,4% do total dos DCI situábase na escala "algo difícil", o 23,4% en "normal" e o 13,4% en "moi difícil". É dicir, case o 76% dos documentos eran difíciles de comprender para os pacientes. A media de lexibilidade Flesch máis alta deuse en Andalucía (=56,9) e Valencia (=51,9). A autonomía con menor media de lexibilidade Flesch foi Galicia (=40,7), seguida pola cidade autónoma de Melilla (=41,8). A media do Estado foi de 48,78.
Polo tanto, os documentos de consentimento informado que facilitan os centros do Sergas aos pacientes son os peores en todo o Estado, con información difícil de comprender para os usuarios, polo que se aconsella unha revisión e mellora dos mesmos.
CONCLUSIÓNS
Unha vez analizados os resultados, as autoras do estudo consideran que "o nivel de lexibilidade dos consentimentos informados de España debería mellorarse," xa que "non posúen puntuacións clasificables como normais nos índices de lexibilidade empregados".
Así mesmo, as investigadoras salientan a existencia dunha "gran variabilidade na lexibilidade" destes documentos no territorio español. "Este feito mostrou unha iniquidade no acceso á información dos cidadáns, xa que dependendo do seu lugar de residencia, obtiveron documentos de consentimento informado con maior ou menor nivel de lexibilidade", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.